A Deputación de Pontevedra pon en marcha desde este domingo o programa DepoAventura A Lanzada 2019, con 11 quendas cheas de actividades dirixidas a 2.200 mozas e mozos de entre 8 e 13 anos da provincia de Pontevedra. A quenda coa que arranca o programa estenderase entre o 23 e o 29 de xuño e contará con 200 participantes que darán o pistoletazo de saída ás actividades lúdicas, culturais, deportivas e formativas dos campamentos da Lanzada.
En total entre o 23 de xuño e o 7 de setembro 2.200 mozas e mozos gozarán do seu tempo libre no Centro de Vacacións da Lanzada. Así, durante unha semana as crianzas terán á súa disposición actividades de convivencia, náuticas, medioambientais e ata algunhas en lingua inglesa, co obxectivo de contribuír ao seu enriquecemento persoal e facilitarlles coñecer outros lugares e experiencias fóra da súa contorna habitual.
Como principal novidade para este verán, o Goberno de Carmela Silva vai espallar durante DepoAventura A Lanzada os principios da igualdade. En concreto, daráselle visibilidade ás mulleres dos ámbitos profesionais máis asociados aos homes, co obxecto de pór en valor o papel daquelas que lograron e logran fitos importantes nestes campos. Do mesmo xeito, tamén se prestará especial atención ao uso da linguaxe, actitudes ou músicas non sexistas nin discriminatorias.
Durante a semana do campamento, as mozas e mozos aloxaranse en tendas de campaña e contarán cun réxime de manutención de pensión completa, os materiais necesarios para as actividades, un equipo técnico especializado en animación sociocultural dirixido por Golfiño Xestión de Ocio SL, atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
Ademais das e dos 200 primeiras e primeiros que comezan o domingo, as quendas continuarán do 30 de xuño ao 6 de xullo, do 7 ao 13 de xullo, do 14 ao 20 de xullo, do 21 ao 27 de xullo, do 28 de xullo ao 3 de agosto e do 1 ao 7 de setembro. En total, serán 2.200 as nenas e nenos que participarán en DepoAventura A Lanzada, das/dos cales 315 beneficiaranse das prazas gratuítas para familias que se atopan en situación ou risco de exclusión social.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.