Desaloxan un edificio de catro andares en Oleiros a causa dun incendio iniciado nunha das vivendas

Publicado por o día 01/01/2021 na sección de Sucesos

Desaloxan un edificio de catro andares en Oleiros a causa dun incendio iniciado nunha das vivendas

Os servizos sanitarios atenderon no punto a algún dos veciños pero ningunha persoa tivo que ser trasladada.

Todo parece indicar que o lume iniciouse no salón dunha das vivendas do edificio situado na Rúa de Darwin, en Perillo, na localidade coruñesa de Oleiros.

Ás 7:30 horas desta mañá os servizos sanitarios comunicaban ao 112 Galicia que enviaban unha UVI móbil para dito enderezo, indicaban que ardía un salón dunha casa e que había tres persoas no interior da vivenda que non podían saír.

Ata o lugar acudiron de inmediato os Bombeiros de Arteixo, a Policía Local e os efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias da localidade, tras ser alertados polo 112 Galicia.

Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron que as lapas xa foran extinguidas, pero que continuaban no lugar coas tarefas de ventilación. Indicaron que ardeu o salón e a cociña  na súa totalidade e que o resto da vivenda resultara afectada polo fume.

Finalmente, os Bombeiros indican que os veciños do resto das vivendas do edificio xa van regresando para as súas casas á vez que comproban que as correspondentes medicións dos gases son correctas.

Así mesmo, os axentes da Policía Local indicaron que foran unhas quince persoas as desaloxadas en total, das cales, tres ou catro foran atendidas no mesmo punto polos servizos sanitarios de urxencia ao padecer algún episodio, de carácter leve, de insuficiencia respiratoria. Por fortuna, ningún veciño tivo que ser trasladado.

As 13h

Así o confirmaron os Bombeiros de Arteixo e os membros do Servizo Municipal de Emerxencias,  tras dar por rematadas as tarefas de extinción.

Todo parece indicar que unha candea que quedou prendida foi a causa que orixinou o lume nunha libraría do salón, ardeu a estancia por completo e toda a vivenda e as escadas do edificio víronse moi afectadas polo fume.

O 112 Galicia tivo constancia do incendio sobre as 07:30 horas desta mañá.

Incendio nunha casa en Vimianzo

Tamén, esta mañá, pasados quince minutos das 08:00 horas, un particular pedía axuda ao 112 Galicia, indicaba que ardía unha casa no lugar de Piñeiros, en Cambeda, no concello coruñés de Vimianzo.

De inmediato, os xestores do 112 Galicia pasaron aviso aos Bombeiros de Cee e informaron dos feitos ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia- 061 que, por precaución, derivaron unha ambulancia ata o lugar. Así mesmo, foron informados os axentes da Garda Civil e os membros de Protección Civil que tamén acudiron ao punto de inmediato.

As tres persoas que residen na vivenda puideron saír coa axuda da intervención dos servizos de emerxencias, polo que, ningunha persoa precisou asistencia sanitaria. Ardeu por completo unha cociña con zona de lareira e o fume afectou ao resto da casa.

Tras extinguir as lapas e ventilar a zona, os Bombeiros dan por rematada a súa intervención. Polo momento, descoñecen as causas que puideron orixinar o lume.

Tres persoas resultaron feridas en Carballo ao verse implicadas nunha colisión múltiple

Os tres feridos foron trasladados polos servizos sanitarios de urxencia.

Varios particulares contactaban, sobre as 21:00 horas deste xoves, co 112 Galicia para informar dunha colisión múltiple que acaba de ocorrer  no punto quilométrico da 31 da AG-55, en Oza, dirección Carballo. Indicaban que vían varios coches coas portas abertas e que algún dos ocupantes podía precisar asistencia sanitaria.

Así, nada mais recibir o aviso, desde o 112  informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Carballo e aos axentes de Tráfico. Tamén foron informados os efectivos de Protección Civil da localidade e o persoal da Autoestrada.

Unha vez no punto, os Bombeiros descartaron o uso do material de excarceración e confirmaron que foran catro vehículos os implicados. Precisaron, ademais, que aínda que non parecían revestir gravidade,  tres persoas resultaron feridas e foron trasladadas polos servizos sanitarios.

Catro feridos en Foz

Por outro lado, dez minutos antes das dez da noite pasada, os profesionais sanitarios informaban ao 112 Galicia dun accidente frontal con catro persoas feridas, dous adultos e dous menores, ao seu paso por Foz, na estrada que une Foz e Alfoz.

Os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos  axentes de Tráfico, dos Bombeiros de Barreiros e dos efectivos de Protección Civil.

Arde un galpón en Meaño

Por outra banda, tamén esta mañá foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Ribadumia para apagar un lume que se iniciou nun galpón ao carón dunha casa situada en Ganón, Xil, no concello de Meaño.

Foi o propio dono quen, ao fío das 09:00 horas, alertou ao 112 Galicia. Indicaba que non había persoas afectadas pero que o galpón, que almacenaba herba seca, estaba ao carón dun hórreo e da vivenda.

A partir de aí, desde o 112 informouse dos feitos aos Bombeiros do Salnés, aos membros do GES de Sanxenxo e á Garda Civil.

Mais de dúas horas tardaron os profesionais de extinción en dar por rematado o seu traballo, debido á cantidade de palla que almacenaba o alpendre.

Segundo se lle informou ao 112 Galicia, ardeu unicamente a palla almacenada, posiblemente, por mor dun curtocircuíto dun contador. A estrutura da casa non se viu afectada.