É o momento de acabar cos envases dun só uso

As entidades que forman parte da Alianza Residuo Cero (AERESS, Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Retorna, Rezero e Surfrider España) impulsaron un manifesto secundado por organizacións nacionais e internacionais para pedir a implantación definitiva dun Sistema de Depósito, Devolución e Retorno (SDDR) para envases de bebidas en España e liquidar así a vertedura diaria de millóns de botellas e latas.
Publicado por o día 19/01/2020 na sección de Medio Ambiente,Amigos da Terra,Ecologistas en Acción,Greenpeace,Política,Social

É o momento de acabar cos envases dun só uso

Coincidindo co recentemente estreado novo Goberno, as entidades da Alianza Residuo Cero, entre as que se atopa Ecoloxistas en Acción, uníronse aos movementos internacionais Zero Waste Europe e Break Free From Plastic, para lanzar unha clara mensaxe aos novos membros do executivo: “é o momento de acabar cos envases dun só uso que contaminan a nosa contorna seguindo a liña marcada polas novas directivas europeas e poñendo en marcha ferramentas eficaces como o Sistema de Depósito, Devolución e Retorno (SDDR)”.

Nun manifesto conxunto, a organizacións fixeron un chamamento para implementar dunha vez un modelo de economía circular no que todos os envases poidan conservar o valor dos seus materiais e non acaben contaminando o noso medio natural. Para iso, propoñen unha ferramenta como o SDDR, que xa funciona con éxito en máis de 40 rexións de todo o mundo. Ademais, esta ferramenta ha de permitir alcanzar un obxectivo de reutilización para os envases de bebidas do 70% para 2025 e debe tentar ampliarse a cuncas e todo tipo de envases.

O SDDR equivale á práctica levada a cabo en España ata os 80 de ‘devolver o casco’. Trátase dun sistema mediante o cal, as consumidoras e consumidores que compran un produto pagan unha cantidade adicional de diñeiro (depósito) que lles será reembolsada ao devolver o envase ou produto ao comercio.

Grazas a este sistema, nalgúns países europeos alcanzáronse as taxas máis altas de recollida selectiva: ao redor do 90%. E este é un feito fundamental se atendemos que, a través da nova lexislación europea contra os plásticos dun só uso, en 2029 deberase cumprir co obxectivo de recoller selectivamente o 90% das botellas de plástico, chegando previamente ao 77 % en 2025. Así mesmo, a lexislación establece como obrigatorio que todas as botellas de bebidas sexan producidas cun 30% de contido reciclado en 2030.

Pola súa banda, España debe transponer esta directiva antes de finais de 2021. Ademais, a propia UE e convenios internacionais como o Convenio de Barcelona (UNEP-MAP) recomendan os sistemas de depósito como a mellor ferramenta para lograr este ambicioso escenario.

Desde o punto de vista ambiental, a Alianza Residuo Cero destacou que os Sistemas de Depósito poden evitar ata un 40 % do lixo que chega hoxe ata os nosos mares e abren a porta ao uso dos envases reutilizables. No caso do vidro poderían usarse ata 50 veces e no do plástico ata 20 veces antes de ser convertidos en novos envases.

A modo de exemplo, o mar Mediterráneo é a sexta gran zona de acumulación de plásticos do planeta. Segundo sinala Andrés Cózar, profesor de Ecoloxía da Universidade de Cádiz, os datos que se rexistran son equiparables aos niveis que se dan nas grandes áreas de acumulación dos océanos (debido ás correntes) ou xiros, como a mal chamada ‘illa do plástico’ do Pacífico’.

Con esta realidade, non é de estrañar que países veciños como Portugal e Francia xa tomasen cartas no asunto e, ambos acaben de aprobar senllas leis de residuos e economía circular nas que apostan claramente pola implantación dun SDDR para mitigar este grave problema.

Na mesma liña, ata grandes asociacións de produtores de bebidas, tradicionalmente remisas á idea do SDDR, cambiaron a súa postura tanto en Europa como en Estados Unidos para recoñecer que é a maneira máis eficaz e eficiente de recuperar os millóns de envases que cada día poñen no mercado.

Ligazón aos manifesto “Sistemas de depósito: un instrumento eficaz para un futuro sen residuos”: https://www.ecologistasenaccion.org/124851/