Educación convoca 140 axudas para a mobilidade de universitarios a países extracomunitarios

A Xunta destina 238.000 euros a estas bolsas
Publicado por o día 12/08/2019 na sección de Educación

Educación convoca 140 axudas para a mobilidade de universitarios a países extracomunitarios

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar a convocatoria de bolsas destinadas ao alumnado das universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que participa en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2019/20.

O orzamento da convocatoria ascende a 238.000 euros, a mesma contía ca o ano anterior. A dotación económica asignada a cada persoa beneficiaria será dun máximo de 1700 euros, polo que poderán acceder a estas axudas ata 140 estudantes que ao longo do curso 2019/20 participen en programas de intercambio con países extracomunitarios, agás o programa “Erasmus+”, relacionados cos estudos que está a cursar. Co fin de premiar o esforzo e a excelencia, o expediente académico será o único criterio para a concesión da axuda.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xuntade Galicia. Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365. Os requerimentos e prazos poden consultarse na convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O obxecto do programa, que se puxo en marcha por primeira vez no curso 2011-12, é favorecer a mobilidade internacional do alumnado, un importante factor de estímulo que leva consigo unha maior riqueza e a apertura a unha formación de máis calidade. Así mesmo, permite ao alumnado participar nalgún tipo de actividade académica ou estudantil nunha institución diferente á súa, integrándose nunha comunidade internacional e multicultural que mellorará os seus coñecementos profesionais e lingüísticos, así como a súa cualificación.