Esquerda Unida valora positivamente o acordo entre Alcoa e o Comité e pide que se manteña a participación pública da factoría no futuro

O rescate de Alcoa ten que servir para que a empresa fique en mans públicas, entendendo que a Industria debe ser un eixo estratéxico para o futuro de Galicia e do conxunto do Estado.
Publicado por o día 19/01/2021 na sección de Política,Esquerda Unida

Esquerda Unida valora positivamente o acordo entre Alcoa e o Comité e pide que se manteña a participación pública da factoría no futuro

Esquerda Unida só pode valorar como positivo a nova recibida este luns sobre o acordo entre Alcoa e o Comité para negociar a venda á SEPI da factoría e considera que sen a tenaz loita sindical este situación non se houbera acadado.

Sen embargo, Esquerda Unida entende que unha participación pública na empresa non pode servir simplemente para sanear as contas de Alcoa-San Cibrao e manter os postos de traballo ata unha venta posterior a unha empresa privada.

Esquerda Unida defende que o rescate ten que servir para que a empresa fique en mans públicas, entendendo que a Industria debe ser un eixo estratéxico para o futuro de Galicia e do conxunto do Estado e advertindo que unha venda posterior non só suporía un malo investimento dos cartos públicos, se non que implicaría unha oportunidade perdida para recuperar o control futuro dunha factoría que é viable e imprescindible para a economía de toda unha comarca.

Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, traslada que: “Vimos de asistir a un incesante goteo de peche de industrias, coa última nova da fábrica de pás de Siemens-Gamesa nas Somozas. Non podemos seguir así, asistindo impasibles ao desmantelamento da nosa industria. Se se invisten cartos públicos en Alcoa, ten que ser para garantir o futuro da fábrica, non para vendela e estar na mesma situación dentro dun par de anos.”

Esquerda Unida entende, que a conxuntura actual, en plena crise económica motivada pola Covid-19 ten que ser o punto de partida da planificación pública das necesidades industriais que ten o país e que no caso de Alcoa é unha boa oportunidade para impedir que no futuro se volva tentar desmantelar a factoría.