Feijóo destaca o dobre revulsivo deportivo e expositivo da segunda ampliación do Ifevi

Sinala que esta infraestrutura deportiva é unha solución para que os atletas vigueses poidan adestrar todos os dias do ano nunha pista cuberta, sen límite de capacidade e con independencia da situación meteorolóxica
Publicado por o día 08/01/2021 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta mañá en Vigo o dobre revulsivo da segunda gran ampliación do IFEVI, deportivo e expositivo, incidindo en que as novas instalacións deportivas teñen como obxectivo incrementar a potencialidade dos atletas de Vigo e de toda a área metropolitana.

Logo de que esta mesma semana a Xunta publicase a licitación para a execución das obras da segunda gran ampliación do IFEVI, Feijóo salientou durante a presentación do proxecto das novas instalacións deportivas neste recinto feiral que a Xunta quería darlle outros usos a este recinto, un deles foi o deporte.

Neste sentido, e tras lembrar que desde o ano 2011 o Goberno galego traballa no cumprimento do compromiso da reforma das pistas de Balaídos, unha obra paralizada polos problemas urbanísticos do Concello de Vigo provocados pola anulación do seu PXOM, o presidente da Xunta explicou que esta infraestrutura deportiva que se instalará no IFEVI é unha solución para que os atletas vigueses poidan adestrar todos os dias do ano nunha pista cuberta, sen límite de capacidade, con independencia da situación meteorolóxica e que quedará instalada para sempre dentro do patrimonio do deporte de Vigo. Neste sentido, lembrou que se pon á disposición para o atletismo en execución simultánea á ampliación do IFEVI.

Así, estas novas infraestruturas deportivas, das que se verán beneficiados preto de 1.000 atletas repartidos entre os 15 clubs da área metropolitana de Vigo, contarán cunha recta de atletismo de 60 metros de lonxitude e seis rúas, ademais de catro zonas diferenciadas para a práctica do salto de lonxitude e triplo salto, lanzamento de peso, salto con pértega e salto de altura.

O presidente do Goberno galego puxo de manifesto a aposta da Xunta pola busca de solucións polivalentes que reforcen algúns dos recintos feirais da Comunidade, co obxectivo de impulsar a compatibilidade cos usos deportivos. Exemplificouno coa pista de atletismo cuberta de Expourense e co rocódromo do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

Segunda gran ampliación do IFEVI

A licitación das obras da que será a segunda gran ampliación que a Xunta realizará no IFEVI suporá a súa consolidación como o recinto feiral de maior capacidade de Galicia e un dos máis importantes de España xa que se sobrepasarán os 40.000 m2 de exposición (38.000m2 de superficie cuberta na actualidade) ao sumarse máis de 5.000 m2. Neste sentido, lembrou que a previsión é que as obras sexan adxudicadas en maio deste ano e poidan desenvolverse no prazo de seis meses como máximo. A Xunta investirá nesta nova actuación un orzamento de 7,6 millóns de euros, que se suman, entre outras actuacións, aos máis de 4 millóns xa investidos na ampliación realizada en 2018, o que supón un total de máis de 15 millóns de euros.

“O noso obxectivo é inxectar axilidade á execución da obra”, asegurou Feijóo, recordando que a Administración galega tivo que esperar oito meses polos informes favorables de distintas institucións, entre elas a Administración Xeral do Estado, e que non foi ata o pasado 18 de decembre cando o Concello de Vigo certificou a dispoñibilidade dos terreos, requisito previo indispensable para a licitación das obras. Así, tamén destacou que o plan de obras desta ampliación recolle un sistema para que aos 4 meses e medio do inicio dos traballo estea finalizada a envolvente do edificio, co obxecto de poder situar xa superficie expositiva para garantir os grandes eventos da cidade como Conxemar ou Navalia.

“Confiamos en que este IFEVI renovado sexa unha gran superficie expositiva do Noroeste de España. Estamos convencidos que 42.000 m2 de exposición son moitísimos metros cadrados e, polo tanto, volveremos situar a Vigo como un dos lugares do Noroeste da Península para facer calquera tipo de evento e feira nacional ou internacional”, aseverou.

Cidade da Xustiza, albergue do Berbés e estación intermodal

O presidente da Xunta puxo de manifesto que o proxecto das novas instalacións deportivas de Vigo que se incluirán dentro da segunda gran ampliación do IFEVI non fan máis que poñer de relevancia o compromiso da Xunta con Vigo e toda a súa área metropolitana. Neste sentido, asegurou que o Goberno galego ten neste momento na cidade olívica tres infraestruturas a punto de finalizar. Por unha banda, a Cidade da Xustiza, cun investimento de 40 millóns de euros, que se converte na infraestruturas máis ampla e ambiciosa que se fixo nunca nos 40 anos de autonomía no que a administración de Xustiza se refire. Por outra banda, o albergue de peregrinos do Berbés, unha das infraestruturas dese Vigo cosmopolita e aberto polo que traballa o Goberno galego para que esta cidade forme tamén parte do Xacobeo.

E, por último, a estación intermodal de Vigo que, tal e como lembrou, está á espera que se despexen os obstáculos e, polo tanto, os retrasos xurdidos pola tardanza de Adif en firmar o convenio dos accesos e do Concello en comezar as obras. “Estamos convencidos de que os atrancos se están solucionando, e poder entregar a estación intermodal, no que se refire á estación de autobuses competencia da Xunta, nos próximos meses”, concluíu.