Fernández-Tapias destaca que Galicia segue a ser a única comunidade con apoios directos e periódicos ás vítimas da violencia de xénero

A delegada territorial da Xunta visitou hoxe a Asociación Rede Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, distinguida coa Medalla Emilia Pardo Bazán
Publicado por o día 04/01/2021 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe que a loita contra a violencia de xénero segue a ser unha prioridade para o Executivo de Alberto Núñez Feijóo, sendo Galicia a única Comunidade con apoios directos e periódicos ás vítimas de esta lacra.

Así o asegurou coincidindo coa visita á Asociación Rede Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, distinguida coa Medalla Emilia Pardo Bazán, e á que a representante autonómica agradeceu a súa dedicación e implicación cunha atención constante ás demandas cotiás das mulleres. Segundo dixo, “a colaboración coas distintas entidades faise imprescindible para, entre todos, acabar coa violencia de xénero. Esta é, e así debe ser, unha batalla compartida por toda a sociedade”, aseverou.

Un recoñecemento ás medidas desenvolvidas en Galicia en prol da igualdade efectiva que o Executivo autonómico, en palabras de Fernández-Tapias, outorga a través das Medallas Emilia Pardo Bazán, co obxectivo de sensibilizar á sociedade, visualizar os talentos e as capacidades das mulleres e recoñecer a traxectoria vital e profesional de persoas e entidades comprometidas con erradicar as discriminacións de xénero e coa construción dunha sociedade máis igualitaria.

Por outra banda, salientou o reforzo orzamentario na área de Igualdade para seguir loitando contra a violencia de xénero cunhas contas que crecen neste 2021 un 16,5% con respecto o ano pasado e ata alcanzar os 22,7 millóns. Destes, 7,5 pertencen ao Pacto do Estado.

Deste modo, sinalou, impulsaranse as axudas cos concellos e entidades sen ánimo de lucro para favorecer a inserción laboral das mulleres vítimas da violencia machista e de trata con fins de explotación sexual, así como os apoios directos e periódicos ás vítimas e os seus fillos e fillas menores de 30 anos. Segundo dixo, o orzamento das axudas directas de pago único para mulleres vítimas da violencia de xénero desempregadas duplícanse ata os 1,2 millóns.

Neste contexto, Fernández-Tapias subliñou que se prorrogará tamén a colaboración cos distintos axentes implicados nesta loita, como son as universidades, para reforzar os recursos e servizos. Como exemplo aludiu ao novo recurso de acollida, co Proxecto Home Galicia, para traballar coas mulleres vítimas de violencia de xénero con condutas aditivas.
E para promover a igualdade, continuarase coas liñas de axudas a concellos, entidades de iniciativa social, Anpas e os apoios directos, que, con 1,1 millóns de euros, compensan a redución de xornada laboral e fomentan a corresponsabilidade. O programa de fomento á conciliación sube un 41,19%, mentres que o programa Emega, de impulso ao emprendemento feminino, duplica o investimento do pasado ano con 3,6 millóns, a dotación máis alta da súa historia.