Filoloxía e Tradución acollerá o 1º congreso internacional sobre o impacto da violencia na lingua

Analizaranse a brutalidade e a crueldade como temas recorrentes no discurso literario
Publicado por o día 08/01/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Filoloxía e Tradución acollerá o 1º congreso internacional sobre o impacto da violencia na lingua

Nun momento no que a violencia é un dos eixos que parecen impregnar o discurso literario e ante a urxencia de analizar como a lingua actúa na construción do mundo, a Facultade de Filoloxía e Tradución acollerá os días 16 e 17 de xaneiro o primeiro congreso internacional Lingua e violencia: mediacións literarias na era do Antropoceno. O simposio está organizado polo Departamento de Literatura Española, en colaboración co grupo de investigación ELICIN (Estudios literarios y culturales en lengua española) da Universidade de Vigo, que dirixe a investigadora Carmen Luna; o grupo de investigación Discourse and Identity da Universidade de Santiago de Compostela, dirixido pola profesora Manuela Palacios e o proxecto Language Acts and Wordmaking do King’s College London.

“Este encontro, que vai dirixido sobre todo ao persoal investigador, aínda que tamén está aberto ao estudantado de grao en Ciencias da Linguaxe e Linguas Estranxeiras, ten como obxectivo explorar o xeito no que as distintas formas de violencia se ven reflectidas no discurso literario dende que o incrible impacto do ser humano comezou a influír no ecosistema”, sinala María Alonso, organizadora do congreso e docente da FFT. Estas cuestións serán analizadas mediante o tratamento de temas como a destrución do medio ambiente, a crueldade animal ou a brutalidade social e de xénero. Así mesmo, abordaranse as diferenzas entre os termos centro vs. periferia, poder vs. resistencia, global vs. local… entre outros.

Poñentes e temáticas a debater

Tras recibir propostas de case 40 universidades e tras unha selección das mesmas, en total, no simposio participarán máis de medio cento de investigadoras e investigadores de España, Portugal, Brasil, República Checa, Hungría, Italia, Polonia, EEUU ou India. As comunicacións que se presentarán abordarán diversas áreas de coñecemento para debater sobre como a violencia impregna o discurso literario contemporáneo e como se constrúen os códigos discursivos que perpetúan a violencia a través de nocións como as de subalternidade, opresión, poder hexemónico e loita de clase, así como a representación das manifestacións máis escuras da violencia humana obxectivadas na destrución do medio ambiente, a crueldade animal ou a brutalidade social e de xénero. Os paneis dividiranse en dous bloques: un dedicado ás manifestacións destes temas nas culturas hispanofalantes e outro á súa representación nas culturas anglófonas. Nas sesións tamén se tratarán cuestións como as implicacións na ensinanza, proxectos editoriais alternativos e outras achegas máis filosóficas, tocando temas como a relixión e a política en galego, castelán, inglés e portugués.

O escritor Patricio Pon e a poeta Lorna Shaughnessy, relatores convidados

No congreso está confirmada a participación do escritor arxentino Patricio Pron, premio Alfaguara 2019, e a poeta irlandesa Lorna Shaughnessy, que falarán da conexión entre a violencia e a súa propia obra e grazas aos cales se pretende “chamar a atención de persoas de fóra do ámbito académico para fomentar a transferencia de coñecemento máis aló das aulas”, explica María Alonso, estreitamento do vínculo entre a Universidade de a sociedade á que pertence.