Galicia acada o máximo histórico de deportistas galegos de alto nivel con máis de medio milleiro de recoñecidos (505)

Dos 505 DGAN, 16 son deportistas con discapacidade (5 mulleres e 11 homes), o número máis elevado desde que se recoñecen aos deportistas galegos e galegas de alto nivel grazas a unha evolución ascendente nas últimas resolucións que avala o especial pulo levado a cabo pola Xunta en prol do deporte adaptado
Publicado por o día 07/05/2020 na sección de Deportes,Xunta de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución do 22 de abril de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai pública a lista de deportistas recoñecidos como deportistas galegos de alto nivel polo procedemento iniciado en novembro de 2019, así como as solicitudes desestimadas e a causa. Nesta nova resolución recoñécense a 84 deportistas galegos e galegas de alto nivel (36 mulleres e 48 homes) polo procedemento iniciado en novembro de 2019. Cómpre salientar que entre eles recoñécense a 4 deportistas con discapacidade (2 mulleres e 2 homes).

O pasado 16 de abril o Diario Oficial de Galicia publicaba a prórroga de seis meses para 126 deportistas DGAN que remataban a súa vixencia durante o ano 2020 como medida de carácter extraordinario para previr e conter o coronavirus e mitigar o impacto sanitario, social e económico. A resolución publicada hoxe, máis a prórroga de abril e as anteriores convocatorias posibilitan que Galicia acade o seu número máximo histórico de deportistas galegos de alto nivel, chegando aos 505 (207 mulleres e 298 homes).

Cómpre salientar que dos 505 DGAN, 16 son deportistas con discapacidade (5 mulleres e 11 homes), o número máis elevado desde que se recoñecen aos deportistas galegos e galegas de alto nivel grazas a unha evolución ascendente nas últimas resolucións que avala o especial pulo levado a cabo pola Xunta de Galicia en prol do deporte adaptado.

Decreto do Deporte de Alto Nivel de Galicia

Tal e como avanzou o secretario xeral para o Deporte no Parlamento de Galicia, o decreto de alto nivel verá a luz antes da fin de ano e neste decreto desenvolverase a Oficina de Atención ao Deportista que “será a encargada de prestar os servizos de información, orientación e acompañamento nos trámites que poidan necesitar os deportistas”.

A Secretaría Xeral para o Deporte continua traballando no decreto que desenvolverá ao deporte de alto nivel en Galicia. O obxectivo é a regulación do deporte de alto nivel de Galicia de xeito que os deportistas, adestradores e árbitros galegos que adquiran este recoñecemento se vexan beneficiados por novas vantaxes no eido educativo, laboral ou económico, entre outros.