Galicia rexistra un total de 7.074 casos activos por coronavirus

A día de hoxe hai 6.615 pacientes en seguimento nos seus domicilios
Publicado por o día 27/10/2020 na sección de Coronavirus,Galicia

Galicia rexistra un total de 7.074 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 7.074, deles 1.201 son da área da Coruña, 691 da de Lugo, 1.423 da de Ourense, 727 da de Pontevedra, 1.358 da área de Vigo, 1.128 da de Santiago, e 546 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 58 están en UCI, 401 en unidades de hospitalización e 6.615 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 25.804 persoas curadas, rexistrándose 880 falecementos.

Na xornada de onte rexistráronse 10 falecementos nos centros hospitalarios galegos. Trátase de dous homes de 87 e 53 anos e unha muller de 80 anos que estaban ingresados no CHUS; un home de 66 anos que estaba ingresado no CHUAC; un home de 91 anos que estaba ingresado no Hospital Quirón Salud da Coruña; unha muller de 87 que estaba ingresada no CHUF; dous homes de 88 e 84 anos que estaban ingresados no CHUVI (esta última persoas era usuaria da residencia de Salvaterra); un home de 84 anos que estaba ingresado no CHUO (usuario da residencia O Viso de Lobeira); e unha muller de 82 anos que estaba ingresada no CHUO (usuaria da residencia Os gozos Pereiro de Aguiar). Todos eles presentaban patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 646.233.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

No día de onte rexistráronse dous falecementos na residencia dos Gozos: Unha muller de 92 anos e un home de 87, ambos con patoloxías previas. Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.