O investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo Gianluca Marino, quen exerce tamén como profesor honorario na Universidade Nacional Australiana, protagonizou este martes unha nova sesión do ciclo Café con Sal. Fíxoo cunha intervención, The nature of (palaeo) climate change, na que afondou nas características principais dos denominados ‘ciclos da idade de xeo’, na caracterización do patrón de variabilidade e as súas causas, así como nalgunhas consideracións que axudan a explotar o rexistro do paleoclima en estudos de sensibilidade climática.
Desde a súa incorporación á Universidade de Vigo a comezos de 2018, grazas ao Programa de Captación de Talento de Excelencia, Gianluca Marino está a traballar en varios proxectos que utilizan o rexistro paleoclimático para coñecer como funciona o sistema climático e como cambia. Para logralo utiliza ferramentas xeoquímicas, micropaleontolóxicas e sedimentolóxicas, así como estatísticas probabilísticas para determinar cuantitativamente o momento, a magnitude e as taxas de cambio climático (pasado) e oceánico.
Durante a conferencia, Marino presentou as características principais dos ‘ciclos da idade de xeo’, destacando o progreso realizado para caracterizar o seu patrón de variabilidade e comprender as súas causas. Como fío condutor empregou un traballo desenvolto polo seu grupo de investigación que contribuíu a abordar dous aspectos chave da narrativa da idade de xeo: a secuencia de eventos que termina unha idade de xeo e os procesos que controlan as variacións de CO2 asociadas a estes ciclos. Para concluír, amosou algunhas consideracións teóricas para explotar o rexistro do paleoclima de cara a reducir a sensibilidade climática.
O ciclo continuará o 4 de xuño coa investigadora Náyade Álvarez
A seguinte sesión do ciclo Café con Sal será o martes 4 de xuño e correrá a cargo de Náyade Álvarez, investigadora do grupo de Ecoloxía Animal do CIM-UVigo, que impartirá a conferencia Cost of learning in juvenile three spined stickleback.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.