Investigadores galegos recomendan a agrupación en clústeres dos bancos marisqueiros das Rías Altas

No estudo empregouse unha nova metodoloxía de análise estatística para rexistros sedimentarios
Publicado por o día 18/01/2021 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Investigadores galegos recomendan a agrupación en clústeres dos bancos marisqueiros das Rías Altas

A revista internacional Sedimentology, líder no seu campo, acaba de publicar os resultados dunha investigación na que un equipo de investigadores galegos consegue, a través do emprego dunha nova metodoloxía de análise estatística, agrupar os bancos marisqueiros en clústeres seguindo a composición, derivada da súa imprenta xeolóxica, e a textura do sedimento, directamente relacionados coa súa contorna e a súa maior ou menor influencia terríxena ou, o que é o mesmo, coa súa maior ou menor influencia mariña. Esta agrupación dos bancos marisqueiros das Rías Altas, realizada en base ás súas propias características sedimentarias, suporía un paso adiante á hora de controlar todos os factores que inflúen na produtividade de cada banco e de xestionar cada un deles segundo as súas propias necesidades.

A investigación, na que se pon de manifesto que a produtividade dos bancos marisqueiros intermareais se ve afectada por unha ampla variedade de parámetros ambientais, é froito da colaboración entre o grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo CIM-UVigo (Miguel Ángel Nombela e Anxo Mena), a Xefatura Territorial da Consellería do Mar de Celeiro (Jose Daniel Cerdeira Arias) e o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC (Xosé Antón Álvarez Salgado e Jaime Otero Villar). “É un exemplo claro da colaboración científica entre diferentes organismos co obxecto común de tratar de dar respostas e axudar a resolver problemas sobre a xestión e explotación de recursos no medio mariño”, explica Miguel Ángel Nombela, coordinador do grupo e decano da Facultade de Ciencias do Mar.

Analizáronse medio millar de mostras de 57 bancos marisqueiros

O novo método agrupou bancos marisqueiros ao combinar modelos paramétricos e análises multivariantes xunto con datos sedimentarios, tales como composición e tamaño de gran. “A idea inicial consistía en analizar a evolución no tempo dos sedimentos que constitúen o substrato sobre o que se asentan estes bancos”, explica Nombela, ao que engade que as mostras de cada banco foron recollidas cada cinco centímetros por cada rexistro sedimentario, cunha lonxitude de 50 cm. “Deste xeito, cada banco analizado tiña un total de dez mostras de sedimento”, apunta Mena, ao que engade que, en total, se analizaron 570 mostras pertencentes a 57 bancos marisqueiros das Rías Altas: 19 das ría de Ortigueira, incluídos os de Ladrido; 12 de Barqueiro; 10 de Ribadeo; 9 de Foz e 7 en Viveiro.

Estes espazos marisqueiros foron clasificados a través tanto da pegada xeolóxica da súa contorna como da influencia terrestre ou mariña sobre estes e, finalmente, puido demostrarse a fonda relación de dependencia entre as características da auga que cubre estes bancos e a composición do sedimento. “Ademais da importancia de poder relacionar as características de cada clúster coas características da auga sobre ese banco marisqueiro, podemos tamén relacionar a composición e características coa produtividade de cada un deles”, explican os investigadores.

Comentar noticia

Your email address will not be published.