Investigadores vigueses fornecen de materiais didácticos en cinco linguas mozambicanas e en portugués ao profesorado do país africano

O traballo acadou unha subvención da Xunta para investigacións en cooperación ao desenvolvemento
Publicado por o día 20/01/2021 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Investigadores vigueses fornecen de materiais didácticos en cinco linguas mozambicanas e en portugués ao profesorado do país africano

Pendente unicamente da presentación dos resultados en Mozambique, o proxecto Edubilmo, Formación teórica e metodolóxica, elaboración, aplicación e validación de materiais educativos no Programa de Educação Bilingue de Mozambique, chegou ao seu fin. Transcorrido máis dun ano desde que arrancou esta iniciativa, na que participan docentes e investigadores do grupo GRADES da UVigo, xunto a colegas da Universidade Eduardo Mondlane do país africano, Edubilmo desenvolveu a meirande parte das actividades previstas. “Malia as circunstancias, demos rematado todo o relacionado co obxectivo fundamental, consistente na preparación de seis guías prácticas sobre a educación bilingüe, unha en portugués e cinco en linguas bantú presentes no Programa de Educação Bilingue (PEB) actualmente activo en Mozambique”, detalla o investigador de GRADES Fernando Ramallo, que lembra que ao abeiro do proxecto tamén se prepararon catro glosarios terminolóxicos nas cinco linguas, sobre humanidades (282 termos), ciencias (206 termos), zooloxía (103 termos) e saúde (65 termos).

As guías publicadas teñen o obxectivo de fornecer materiais didácticos á comunidade educativa de cinco das vinte e dúas linguas mozambicanas, unha acción que dá resposta á finalidade coa que o proxecto naceu, contribuír á formación do profesorado que desenvolve o seu traballo no programa de educación bilingüe de Mozambique, impulsando a súa transformación cara un programa verdadeiramente bilingüe coa docencia en linguas bantú máis aló do terceiro curso da educación primaria, que é ata onde chega o modelo actual. “Onde o PEB está vixente, ata o terceiro curso todo se ensina en lingua materna (bantú), agás a lingua portuguesa, pero a partir de 4º, todo é en portugués, menos a materia de lingua inicial de bantú”, explica Ramallo, que focaliza esta situación nas zonas rurais con forte presenza de linguas indíxenas e non en todas as escolas do país, “é dicir, non é un programa universal, aínda que si ten presenza en centos de escolas”, aclara.

Facilitar o traballo das e dos docentes mozambicanos

Ao tratarse dun proxecto de cooperación, que acadou a subvención da Xunta destinada a crear grupos de investigación que centren a súa actividade na cooperación para o desenvolvemento, Edubilmo non parte da idea, aseguran os seus promotores, de ensinar nada, senón de contribuír a facilitar o traballo, tanto das e dos docentes que desenvolven o seu día a día na formación de futuros mestres de educación primaria, como dese colectivo que traballa no medio rural en condicións materiais moi precarias.

“Estamos moi esperanzados en que os materiais producidos poidan axudar á comunidade educativa. Así mesmo, somos conscientes de que para iso falta tempo e unha axeitada formación no aproveitamento das guías, mais confiamos nas súas posibilidades. A este respecto cómpre sinalar que os propios investigadores locais que comparten a autoría das guías están dispoñibles para axudar nos esclarecementos que se demanden polas diferentes comunidades”, explica Fernando Ramallo, que agradece o traballo desenvolvido polos integrante do equipo que participou no proxecto. Alén deste grupo, formado por tres investigadores da UVigo e dous de Mozambique, o docente e director da Área de Normalización Lingüística, destaca a colaboración dunha decena de docentes de escolas inseridas no PEB e cinco persoas expertas en linguas bantú. “O seu coñecemento e a súa experiencia foron determinantes na compilación dos glosarios referidos e na tradución de parte dos materiais”, asegura Ramallo.

Unha iniciativa con vocación de futuro

Logo da elaboración do material didáctico, o docente e investigador de GRADES asegura que para o equipo sería moi satisfactorio poder adaptar as guías ao resto das linguas integradas no PEB, tendo en conta que cada unha delas ten unha parte común e unha propia na que se reflicten as condicións sociolingüísticas da comunidade que fala e os principais trazos lingüísticos que a definen. “Por iso, non é suficiente cunha tradución senón que para avanzar nese futuro posible, cumpriría continuar o proxecto, polo menos un par de anos máis”, sinala Fernando Ramallo.