Máis do 75% dos centros educativos públicos contan con Plans de Formación Permanente de Profesorado co apoio da Consellería

A finalidade é actualizar e perfeccionar as competencias profesionais dos docentes, necesarias para responder aos retos educativos actuais
Publicado por o día 22/01/2020 na sección de Educación,Formación,Xunta de Galicia

Máis do 75% dos centros educativos públicos contan con Plans de Formación Permanente de Profesorado co apoio da Consellería

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de publicar a resolución da convocatoria dos centros públicos de Primaria, ESO e Bacharelato que van implantar Plans de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) neste curso 2019/20. O obxectivo é actualizar e perfeccionar as competencias profesionais dos docentes, necesarias para responder aos retos educativos actuais, impulsando a súa aplicación e desenvolvemento na aula, e buscando a excelencia educativa e a mellora da calidade do ensino e dos resultados escolares do alumnado.

Serán un total de 876 os centros os que desenvolvan esta iniciativa, dos que 343 son da provincia da Coruña, 120 da de Lugo, 98 da de Ourense e 315 da de Pontevedra, coa seguinte distribución:

Neste momento contan con PFPP máis do 75% dos centros galegos e cada ano continúa incrementándose o número destes plans. A relación completa de centros seleccionados pode consultarse na ligazón: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/29960 .

Tanto durante o proceso de solicitude como ao longo de todo o desenvolvemento do plan (cuxa duración oscila entre dous e catro cursos académicos), os centros reciben o apoio da rede de formación dependente do Consellería, a través dun asesor de formación asignado que guía este proceso e que se encarga de organizar as distintas xornadas de formación e de poñer en contacto os centros cos relatores que lles interesen.

A convocatoria artellouse arredor de 11 liñas de traballo, entre as que se sinala como prioritaria a de Deseño e desenvolvemento curricular no marco do modelo competencial. Ademais desta liña os plans de formación poden abordar a planificación estratéxica das linguas no centro, a integración didáctica das TIC, a escola inclusiva e atención á diversidade, a convivencia escolar e clima da aula, a actualización científica e didáctica do profesorado, a mellora da xestión dos centros, os programas europeos e internacionais, a biblioteca escolar, as iniciativas formativas no ámbito STEM e a orientación vocacional e profesional.

Neste sentido cómpre sinalar que todos os centros educativos que desenvolven as convocatorias STEM impulsadas pola Consellería (EDixgal, Espazos Maker, STEMbach, Club de Ciencia…) teñen asociados un PFPP que se enmarca dentro da liña Iniciativas formativas no ámbito STEM.

Proxectos Erasmus+

Por outra banda, a través da liña destinada aos Programas europeos e internacionais dos PFPP estáselles a prestar formación e apoio aos centros educativos galegos que desenvolven proxectos Erasmus+, tanto para realizar as solicitudes nas diferentes accións da convocatoria como para desenvolver os proxectos nos que están involucrados.

Do desenvolvemento destes plans de formación tamén xorde a colaboración para os distintos proxectos Erasmus+ que lideran os Centros de Formación e Recursos (CFRs) e o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI).

Ademais, desde os PFPP tamén se fomenta o emprego da plataforma e-Twinning, a través da que os docentes poden traballar de xeito colaborativo con outros centros de ensino de toda Europa.