Mañá abre o prazo de solicitude do Bono Concilia para axudar ás familias a pagar unha praza nunha escola infantil da súa elección

A convocatoria conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros e o prazo para presentar as solicitudes estará aberto durante un mes
Publicado por o día 27/07/2020 na sección de Educación,Galicia,Xunta de Galicia

Mañá abre o prazo de solicitude do Bono Concilia para axudar ás familias a pagar unha praza nunha escola infantil da súa elección

A Xunta de Galicia abre mañá, e ata o 27 de agosto, o prazo de solicitude do Bono Concilia, unha prestación de entre 45 e 250 euros mensuais para axudar as familias a pagar unha praza para os seus fillos na escola infantil da súa elección, naqueles casos nos que non obtivesen praza nun centro público. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula a concesión destas achegas económicas cun investimento inicial de máis de 1,7 millóns de euros, ampliable en función das solicitudes que se presenten.

O feito de que todos os segundo fillos e sucesivos accedan á gratuidade da atención educativa cambia substancialmente o cometido do Bono Concilia. Por iso, neste 2020, esta axuda seguirá en vigor, pero estará destinada aos primeiros fillos. Outra das novidades da convocatoria deste ano é que para as nenas e nenos que obteñan praza nunha escola infantil pública a partir do 20 de outubro, as familias poderán escoller entre aceptar esa praza ou continuar co bono.

As solicitudes, xunto coa documentación requirida, deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, tamén se poderán entregar de xeito presencial por rexistro.

O pasado 1 de abril Galicia converteuse na primeira Comunidade Autónoma en aprobar a gratuidade da atención educativa para os segundos fillos e sucesivos, en todas as escolas infantís de 0 a 3 anos con independencia da súa titularidade. Aínda que a actividade nestes centros se suspendeu por mor da pandemia da covid-19 e se retomará en setembro co inicio do novo curso, a decisión de que a atención educativa sexa gratuíta para as familias continúa vixente. Ademais de todas as escolas infantís públicas e as de iniciativa social, xa se acolleron a esta medida máis de 150 escolas infantís privadas.