Marea de Vigo denuncia a existencia de “baleiros de democracia” na cidade e demanda a súa urxente subsanación para garantir a plena participación da cidadanía nas cuestións públicas

Oriana Méndez: “Cando a palabra democracia queda nun concepto que se refire só a un procedemento, é dicir, a votar cada catro anos, entón estase baleirando o sentido da democracia. Non garantir a visualización dos Plenos do Concello por parte da veciñanza ou as ausencias do alcalde ás propias sesións plenarias son síntomas desta merma”.
Publicado por o día 11/01/2021 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo denuncia a existencia de “baleiros de democracia” na cidade e demanda a súa urxente subsanación para garantir a plena participación da cidadanía nas cuestións públicas

“A democracia é sobre todo participación, transparencia, e repartir o poder entre as máis, e por iso fai falla articular vías e ferramentas que garantan a participación da cidadanía na toma de decisións” sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo. “Por iso nós defendemos dende o 2015 ferramentas como os orzamentos participativos, para garantir que as decisións que teñen que ver coa vida da xente non se tomen só por delegación senón que se tomen tamén mediante a participación directa da cidadanía”.

En primeiro lugar, Marea de Vigo demanda que os plenos do Concello de Vigo, nas súas sesións ordinarias e extraordinarias nas que se reúnen os concelleiros e concelleiras electas do Concello de Vigo queden gravadas e rexistradas para a consulta pública da cidadanía. “Trátase de sesións públicas por Lei e por tanto cómpre buscar a ferramenta para garantir esa publicidade e o acceso a esa información, aos debates dos representantes e das representantes públicas” engade a concelleira.

Outra anomalía que urxe subsanar segundo Marea de Vigo é a ausencia do alcalde Abel Caballero aos plenos do Concello de Vigo. “É unha función do alcalde, tamén establecida por Lei, a de presidir o Pleno, ordenar o debate e polo tanto participar do mesmo e escoitar as propostas e as mocións dos grupos políticos da oposición alí presentes” suliña Oriana Méndez. “É algo que non acontece no Concello de Vigo, o alcalde érguese e vaise da práctica totalidade dos plenos do Concello de Vigo pasados aproximadamente 10 minutos da súa presenza. Érguese e vaise desoíndo e en realidade desprezando as intervencións e as propostas dos grupos políticos da oposición”.

Por último, desde Marea de Vigo tamén sinálase a ausencia do “escano cidadán” dos plenos do concello. “Unha figura que permite a participación directa e a intervención oral directa da cidadanía e de representantes de colectivos cidadáns no pleno do concello, tal e como acontece en numerosos concellos de Galicia e do estado, moitos deles presididos por alcaldes do Partido Socialista” explica a concelleira. “Algo que non sucede no Concello de Vigo porque no ano 2016, cando se artellou unha modificación do Regulamento do Pleno do Concello, o Goberno local negouse a incluír esta proposta da Marea de Vigo que garantía a presenza directa da cidadanía nos plenos e debates do Concello de Vigo” lembra.

“A democracia en política local ten que ver, sobre todo, co espazo da vida. Ten que ver coa vivenda, coa factura da auga, co transporte público, cos espazos e infraestruturas municipais que se poñen a dispor da cidadanía para o encontro, para o debate, para o fomento da creatividade” conclúe a concelleira.