Os materiais compostos xorden da unión física de dous o máis compoñentes distintos que combinan as súas características, permitindo obter combinacións de propiedades que serían imposibles nun material convencional, o que os converte en parte esencial de innovacións que permitirán, por exemplo, un transporte máis eficaz e respectuoso co medio ambiente; novas funcionalidades nos sectores que abranguen as cidades intelixentes; o desenvolvemento de novos métodos de detección, terapias, implantes no campo da saúde ou a mellora na eficiencia e seguridade na xeración e acumulación da enerxía. O impacto concreto que os materiais compostos teñen na industria 4.0 e na economía circular, é o eixo central do MATCOMP’19, o evento máis importante que se celebra en España sobre tratamento dos materiais compostos e altas prestacións e que terá lugar en Vigo entre os días 3 ao 5 de xullo.
Organizado polos grupos de investigación Encomat e GEF da Universidade de Vigo e o CTAG e promovido pola Asociación Española de Materiales Compuestos (Aemac), o congreso reunirá no edificio AFundación durante tres días a máis de 300 persoas, entre investigadoras e investigadores e representantes de empresas e institucións públicas. “A organización dun evento destas características supón sempre un reto, sen dúbida. Pero a estreita colaboración co CTAG e dos compoñentes dos grupos de investigación da Universidade, permite que a ilusión inicial xa se estea a transformar nunha realidade”, explica Gloria Pena, docente e investigadora do Departamento de Enxeñaría dos materiais, mecánica aplicada e construción e integrante do comité científico do congreso, que considera que a confirmación da participación de máis de 300 persoas “se pode considerar un éxito para o comité organizador do evento”.
Unha contorna industrial para a celebración da 13ª edición do congreso
O que está considerado como o evento máis importante en España no tratamento de materiais compostos e de altas prestacións, recala en Vigo na súa 13ª edición para intercambiar avances neste campo e as experiencias máis novidosas na fabricación e aplicación destes materiais. A elección da cidade olívica para a celebración do congreso xustifícase pola importancia que o sector ten en Vigo e na súa área de influencia e “tendo en conta a contorna industrial da nosa cidade, nesta edición do MATCOMP queremos destacar o impacto que os materiais compostos teñen na industria 4.0 e na economía circular tal e como se recolle no lema do congreso, nos sectores económicos máis estratéxicos da nosa comunidade”, explica Gloria Pena.
É por esta razón que no congreso se celebrará unha sesión temática especial dedicada á automoción, así como dúas mesas sectoriais, unha centrada nos retos e oportunidades dos composites para o sector transporte, coa participación de representantes de Airbus Defence and Space, Talgo, PSA Peugeot Citroën e un representante do sector naval, e outra sectorial en enerxía, hábitat e ocio, Composites na economía circular, na que participarán representantes de Acciona, Galventus, Blindaxe Sport, Norman Foster Fundation e Finsa. Así mesmo, celebraranse outras dúas sesións especiais, unha dedicada á innovación en Galicia, coa participación de GAIN e Zona Franca de Vigo, e a outra, na que representantes invitados da Asociación Iberoamericana de Materiales Compuestos (ALMACO) exporán as súas liñas de traballo co obxectivo de establecer posibles colaboracións con grupos e empresas españolas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.