Medio Ambiente destina 2,5 millóns de euros ás axudas para mellorar a eficiencia enerxética en vivendas de promoción pública

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria desta liña de subvencións, cofinanciada polo Feder e dirixida a comunidades de propietarios de inmobles promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou transferidos ao mesmo
Publicado por o día 30/04/2019 na sección de Hogar,Social,Xunta de Galicia

Medio Ambiente destina 2,5 millóns de euros ás axudas para mellorar a eficiencia enerxética en vivendas de promoción pública

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), destinará unha partida de 2,5 millóns de euros a conceder subvencións a comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública para a realización de obras de mellora da eficiencia enerxética en edificios promovidos polo propio organismo público ou transferidos á comunidade autónoma.

Estas axudas, cuxas bases regúlanse mediante resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, están cofinanciadas con fondos europeos a través do programa operativo Feder 2014-2020 e o seu importe máximo pode chegar ata o 80% do orzamento total da obra. Así mesmo, serán compatibles coas subvencións destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios de vivendas promovidos polo IGVS, e que foron convocadas o 23 de abril. O importe conxunto de ambas axudas poderá acadar o 100% do curso da obra.

En canto aos beneficiarios, poderán acollerse a esta nova convocatoria as comunidades de propietarios de edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS ou transferidos ao mesmo, que constitúan a totalidade dun mesmo edificio ou dun conxunto de vivendas unifamiliares e que vaian realizar as actuacións de mellora de eficiencia enerxética obxecto desta convocatoria.

Ademais, os inmobles que opten a beneficiarse destas axudas terán que reunir as condicións necesarias de seguridade estrutural ou, no seu defecto, acreditar a realización simultánea das obras que garantan que as vai cumprir; acreditar que non incorren en ningunha das circunstancias previstas na Lei de Subvencións de Galicia como excluíntes para obter a condición de beneficiario; ter capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para cumprir cos obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda; e ser seleccionados conforme á orde resultante das puntuacións obtidas segundo o baremo fixado na propia resolución e a disposición orzamentaria existente.

Actuacións subvencionables

Deste xeito, considéranse actuacións subvencionables aquelas obras integrais de mellora de eficiencia enerxética que supoñan a redución mínima da demanda de enerxía en calefacción do edificio nun 20% e a mellora dunha letra na escala de cualificación enerxética en emisións de CO2. Para acadar estes obxectivos, os traballos incluirán melloras do illamento térmico ou da carpintería da envolvente, que poderán ir acompañadas de intervencións nas instalacións térmicas, sempre que se axusten á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución.

Segundo establecen as bases reguladoras, as actuacións obxecto de subvención poderán estar iniciadas no momento de presentar a solicitude, sempre que non teñan comezado antes do 1 de xaneiro de 2019 e non estea executado xa máis dun 60% do custo total das obras previstas.

Os interesados terán dous meses, contados a partir de mañá, para poder presentar as súas solicitudes, polo que o prazo oficial para acollerse a esta liña de subvencións rematará o vindeiro 1 de xullo.