Medio Rural destina 450.000 euros ás axudas para nova participación de agricultores en réximes de calidade

Estas achegas están cofinanciadas co fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020
Publicado por o día 09/01/2018 na sección de Xunta de Galicia

Medio Rural destina 450.000 euros ás axudas para nova participación de agricultores en réximes de calidade

A Consellería do Medio Rural destina un total de 450.000 euros en axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade para o ano 2018, un incremento de máis do 140% con respecto á convocatoria anterior, tal e como recolle a orde que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Estas achegas, que están cofinanciadas co fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, pretenden fomentar a integración de agricultores en selos de calidade que ten agora mesmo Galicia, favorecendo o valor engadido dos seus produtos.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os agricultores que participen por primeira vez nalgún dos réximes de calidade dos produtos agroalimentarios definidos no PDR de Galicia e deberán cumprir o requisito de ser agricultores activos. En todo caso, a data da alta no réxime de calidade ten que ser posterior ao 18 de novembro de 2015, data de aprobación do PDR de Galicia 2014-2020.

No relativo á produción ecolóxica, tamén terá a consideración de nova incorporación aquel agricultor que, tendo previamente actividade en dito programa, inicie o traballo nalgunha outra orientación produtiva, sendo esta última dunha dimensión económica suficiente para superar a consideración de autoconsumo. En calquera caso, os solicitantes terán de prazo ata o vindeiro 15 de maio para pedir estas achegas.

Actividades subvencionables

A contía da axuda será do 100% dos gastos subvencionables, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de 5 anos. Poderán recibir apoio os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade e a cota anual de participación, incluídos, se ser o caso, os custos dos controis necesarios para comprobar o cumprimento do prego de condicións do devandito réxime.