O desemprego medrou novamente en Galiza no mes de decembro -algo que non ocorría desde 2011, xa que se trata dun mes tradicionalmente positivo para a creación emprego- até acadar as 189.587 persoas desempregadas, 2.115 máis que no mes de novembro (+1,13%), pero 24.279 máis que en decembro de 2019 (un 14,69% máis). O incrementou afectou a todas as provincias e todos os sectores, mais a situación é ben máis grave xa que, nestes datos, non figuran as traballadoras e traballadores que están afectados por ERTES.
A situación é para o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, “alarmante”, máis cando “desde a Xunta de Galiza non se está deseñando ningún plan de recuperación económica e segue enfiándose o futuro do noso país aos xa frustrados fastos do Xacobeo”.
Lembra que desde a CIG se viña advertindo que “non se pode facer depender o futuro económico de Galiza a un evento puntual, que só favorece o sector Servizos, onde a temporalidade e os baixos salarios están á orde do día, mentres se esquecen o resto dos sectores produtivos”.
Denuncia o abandono do sector industrial, para o que o PP, á fronte do goberno da Xunta de Galiza, deseñou a famosa Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, máis coñecida como “Lei de Depredación”, que impoñía un modelo industrial colonial no noso país e que “foi tal fracaso que agora lle queren dar unha volta de porca empeorando máis a situación cunha nova lei, mal chamada de recuperación, aínda máis agresiva a todos os niveis para o noso país ”.
Por iso demanda que se atenda ás propostas que a CIG vén facendo para unha saída galega e xusta da crise e conseguir “unha verdadeira reactivación económica que favoreza os sectores produtivos e sentar as bases para a necesaria recuperación, despois desta dura crise sanitaria que chegou cando aínda non sairamos da anterior”. Un recuperación económica que, apunta, “non se asente unicamente sobre o sector Servizos, onde o emprego é volátil e precario, para que se poida crear riqueza e emprego digno en Galiza”.
Nesa liña o secretario confederal de Emprego da CIG aposta por un Plan de Recuperación “serio que permita captar fondos europeos e manter, potenciar e crear novo tecido produtivo, tendo en conta as nosas capacidades de país”.
Un Plan no que entende que “deben participar todas as organizacións sociais, incluída a CIG, sen que se furte o debate dos organismos tripartitos e institucións existentes, suplíndoos polas mesas de diálogo social”.
Graves e preocupantes datos
A situación da clase traballadora en Galiza é grave. Non só polo número de persoas desempregadas, senón tamén pola cantidade de persoas que seguen afectadas por ERTES e cuxo futuro é máis que incerto. Traballadoras e traballadores que a esta altura están, na maior parte dos casos, na absoluta precariedade, o que sitúa a Galiza en niveis de pobreza insostíbeis.
O desemprego aumentou en todas as provincias, pero con respecto do mes de novembro onde se deu o incremento máis grande, en termos absolutos, foi na de Pontevedra, con 1.571 persoas desempregadas máis (un incremento do 2,20%).
Porén, respecto de decembro de 2019, aínda que tamén subiu en todas, onde se deu o maior incremento, en termos absolutos, foi na da Coruña con 10.567 persoas desempregadas máis, aínda que en termos relativos foi en Lugo.
PROVINCIA | TOTAL | VARIACION MENSUAL | VARIACIÓN ANUAL | |
ABSOLUTA | RELATIVA | ABSOLUTA | ||
A CORUÑA | 76.311 | 248 | 0,33 | 10.564 |
LUGO | 18.928 | 142 | 0,76 | 2.730 |
OURENSE | 21.218 | 154 | 0,73 | 2.859 |
PONTEVEDRA | 73.130 | 1.571 | 2,20 | 8.126 |
GALIZA | 189.587 | 2.115 | 1,13 | 24.279 |
* Fonte: Datos dos rexistros do Servizo Público de Emprego Estatal
Por sexos, como sempre, hai máis mulleres desempregadas 107.238, que homes 82.349
Por sectores o desemprego medrou en todos, encabezado polo de Construción (+885); Servizos (+783); Industria (+772) e Agricultura (+331)
Contratos e temporalidade
A pesar de se incrementar o número de persoas desempregadas asináronse no mes de decembro un total de 57.472 contratos, un 6,26% menos que no mes de novembro. O número de contratos asinados descendeu ademais con respecto ao mes de decembro de 2019 en 20.326, un 26,13% menos.
Do total de contratos asinados só 5.163 foron indefinidos e o 91%, un total de 52.309 foron temporais. A maioría asináronse no sector Servizos, 42.574; seguido de Industria, 11.212; fronte os 1.861 na Construción e 1.825 en Agricultura.
Diante disto, a CIG exixe pór en marcha medidas para unha saída galega xusta da crise e xa adianta que continuará mobilizándose e actuando a todos os niveis fronte a demostrada incompetencia dos gobernos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.