Numax despide o ciclo ‘Vindecine. O tempo de Martín Códax a través do audiovisual’ co filme ‘Os contos de Canterbury’

O CGAI programa o martes 20 ‘El ladrón de Bagdad’ e remata a actividade o martes 27 coa comedia ‘Los caballeros de la mesa cuadrada y sus locos seguidores’
Publicado por o día 18/02/2018 na sección de Cultura

Numax despide o ciclo ‘Vindecine. O tempo de Martín Códax a través do audiovisual’ co filme ‘Os contos de Canterbury’

O ciclo VindeCine. O tempo de Martín Códax remata mañá as proxeccións programadas en Santiago de Compostela co filme Os contos de Canterbury, de Pier Paolo Pasolini, que se poderá ver na sala Numax ás 21:45 horas. Oso de Ouro na Berlinale no ano 1972, a película, cunha estrutura semellante ao Decamerón de Bocaccio, segue a un grupo de peregrinos que se dirixe á catedral de Canterbury e, para entreterse nos descansos, relatan contos.

O ciclo de cine, promovido pola Consellería de Cultura e Educación, estase a celebrar tamén na Coruña, no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), onde o martes 20 de febreiro, ás 19:00 horas, se proxecta El ladrón de Bagdad, de Raoul Walsh, un filme de 1924 que adapta os contos de As mil e unha noites. A filmoteca galega pechará VindeCine na Coruña o día 27 deste mes coa comedia dos Monty Phyton Los caballeros de la mesa cuadrada y sus locos seguidores, que se proxectará ás 18:00 e ás 20:30 horas.

Pola súa banda, Multicines Norte, de Vigo, aposta para as dúas últimas xornadas do ciclo polo cine español, coas proxeccións de La Celestina, de Gerardo Vera, o xoves 22, e de Reina Santa, de Rafael Gil, o 15 de marzo, ambas ás 20:10 horas.

O tempo de Martín Códax a través da sétima arte

A selección de títulos realizada polos programadores da sala Numax, do CGAI e de Multicines Norte está a ofrecer desde o pasado mes de decembro unha oferta audiovisual diversa, conformada por un total de 21 proxeccións repartidas nas pantallas de Santiago de Compostela, de Vigo e da Coruña, coa que lle achegar ao público filmes de destacados directores dos séculos XX e XXI inspirados ou ambientados no medievo. Deste xeito, favorécese un achegamento ao contexto histórico de Martín Códax e das súas sete cantigas de amigo que reúne o Pergamiño Vindel.

Programación dedicada ao Pergamiño Vindel

Na páxina web de Cultura, en https://www.cultura.gal/gl/programacion-actividades, pode consultarse esta programación, así como o resto de actividades que a Xunta de Galicia está a desenvolver aínda arredor da mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que se exhibe no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, ata o vindeiro 4 de marzo.