O alcalde convida á cidade a participar na Noite Branca dos museos municipais

Este venres, 14 de agosto, a rede de museos municipais de Vigo celebra a Noite Branca con concertos, exposicións, conferencias, música e a apertura das instalacións ata as 2 da madrugada. O Concello inaugura a exposición “Silverio Rivas. Mente-Materia” na Casa das Artes.
Publicado por o día 11/08/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde convida á cidade a participar na Noite Branca dos museos municipais

Abel Caballero apuntou que nesta edición se mantén a “filosofía de gratuidade, sostibilidade e participación da Noite Branca” cun número singular de actividades e a apertura total dos museos que cualificou como “a rede de museos municipais máis importante de ningunha cidade de España” con exposicións e concertos simultáneos nos diferentes espazos.

Os museos permanecerán abertos desde as 20:00 horas ata as 2 da madrugada e a edición deste ano desenvolverase respectando as medidas medidas de distancia e prevención do Covid-19, tanto en actividades de interior como exterior.

En rolda de prensa, o rexedor salientou algunhas das actividades previstas como a inauguración da exposición “Silverio Rivas. Mente-Materia”, este venres 14 na Casa das Artes ás 20:00 horas, que ofrece unha síntese dos seus últimos 50 anos de traballo. A Pinacoteca abrirá unha mostra coas novas incorporación de arte galega no período 2015-2020 entre as que destaca a obra de Tomás Barros, dúas series de tintas de Isaac Díaz Pardo ou a presenza reforzada de Abelardo Bustamante, Carlos Sobrino, López Garabal ou Xosé Guillermo. O Verbum desenvolverá o proxecto “Verbum Creativo” un espazo de creación artística en vivo coa participación activa do público en diferentes actividades e disciplinas. O Museo Liste programa unha charla a cargo de Xavier Castro Pérez, catedrático de historia e escritor, baixo o título “Festas gastronómicas galegas no verán e cociñeiras de batalla” e poderán visitarse as exposicións permanentes de toda a rede museística viguesa.

Ademais, o goberno municipal programa sete concertos na Noite Branca: Atlántica – músicas de Cabo Verde e Arxentina- no Monte do Castro; Grupo 1500 de música antiga no xardín do Pazo Quiñones de León; concerto de ORDET na Pinacoteca Francisco Fernández del Riego; na Casa Galega da Cultura, a banda viguesa de swing e blues Frasquita Vintage; o cantor portugués Eliseu Matos na Casa das Artes e sesión dobre no Marco con Son Trío ás 23 horas e Hight Paw á 01:00 da madrugada.

Programa da Noite Branca 2020

Comentar noticia

Your email address will not be published.