A falta de varios días para pecharse o prazo de inscrición, xa non quedan prazas dispoñibles para participar no debate xurídico organizado pola Delegación de Alumnado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo arredor da sentenza do Tribunal Supremo 459 de 2019, a coñecida como sentenza ‘ao procés’, unha resolución histórica pola súa transcendencia e consecuencias institucionais, políticas e sociais. A cita, na que se lembrarán os feitos acontecidos o 1 de outubro de 2017 en Cataluña, será este xoves día 31 de outubro ás 16.00 horas nun repleto salón de graos da facultade.
Encargarase de moderar o debate a decana, María Almudena Bergareche, profesora de Dereito Constitucional, e participarán como poñentes os docentes Xosé Manuel Pacho, da Área de Filosofía do Dereito, e Inma Valeije, de Dereito Penal. “O obxectivo deste seminario é analizar a sentenza para poder proporcionar argumentos xurídicos e fundados, tanto para criticar como para defender o seu acerto ou non, xa que entendemos que a crítica construtiva e razonada é fundamental nun Estado de Dereito”, explican os estudantes Daniel Fernández e Andrés Vilas, principais caras visibles do comité organizador dunha actividade que, segundo recalcan, está organizada por e para o alumnado dende a propia Delegación de Alumnas e Alumnos do centro.
Distintos puntos de vista para analizar unha sentenza histórica
A organización do seminario xurdiu de forma espontánea ante a importancia da sentenza. “Pensamos que era necesario analizala desde a perspectiva xurídica en tanto se trata dunha materia tan relevante que implica dereitos fundamentais e que de seguro será clave en procesos futuros polas interpretacións que o tribunal apreciou neste caso da lexislación aplicada”, recalcan os alumnos, ao que engaden que, desde o seu punto de vista, é completamente necesario que o alumnado de Dereito “se manteña ao día da actualidade xurídica, especialmente no mundo de hoxe no que os cambios son frenéticos en todos os ámbitos”.
Desde o primeiro intre contaron cunha colaboración “moi activa” dos docentes implicados: Xosé Manuel Pacho e Inma Valeije. “No caso da profesora Valeije, cremos que os seus coñecementos de Dereito Penal poden indicar que puntos da sentenza serán clave en futuros procesos e cales dos argumentos esgrimidos polo Tribunal Supremo son máis interesantes para o debate”, explica Vilas. “No que se refire ao profesor Pacho, a presenza de alguén especializado en Teoría e Filosofía do Dereito entendemos que achega un punto de vista entre a valoración puramente normativa e a política”, engade Fernández.
O seminario arrancará ás 16.00 horas do xoves cunha introdución ao tema que correrá a cargo da moderadora, Almudena Bergareche, e a continuación terá lugar o debate e análise dos aspectos xurídicos máis relevantes da sentenza cunha intervención cruzada dos poñentes para cada punto. A actividade rematará cunha conclusión final de cada un dos relatores e unha rolda aberta de intervencións das persoas asistentes.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.