O vindeiro 1 de febreiro bota a andar o segundo cuadrimestre, unha vez rematen os exames, e con el unha nova convocatoria de cursos do Centro de Linguas. Para esta segunda parte do curso académico ofértase docencia de alemán, chinés, español para estranxeiros, inglés e portugués. Ademais, ao longo desta semana, antes de arranquen os cursos de idiomas, tamén se están a desenvolver os exames de acreditación de inglés e francés, nos que hai máis de 200 persoas matriculadas.
Cinco idiomas a elixir
Para adaptarse á situación sanitaria por mor da pandemia da covid-19, o Centro de Linguas apostou por compaxinar a docencia en diferentes modalidades, dende a presencialidade total, pasando por un modelo mixto e tamén a opción das clases virtuais.
Por exemplo, no caso do alemán ofértanse dúas modalidades. A semipresencial, de nivel A1.2, comprende un curso que prima o desenvolvemento da expresión oral e escrita, sen esquecer a importancia da comprensión na adquisición dunha lingua estranxeira. O período de matrícula está aberto ata o 24 deste mes de xaneiro e as clases desenvolveranse do 5 de febreiro ao 14 de maio, sendo a parte da docencia presencial na Escola de Enxeñaría Industrial-Sede Campus. A modalidade virtual, con contidos paralelos, será para o nivel A2.2 e as clases serán entre o 5 de febreiro e o 14 de maio, estando a matrícula aberta ata o 24 deste mes.
Para as persoas que prefiran mellorar os seus coñecemento de inglés, tamén se oferta a modalidade semipresencial e a virtual estando a matrícula aberta ata o 24 de xaneiro. No caso de optar pola semipresencialidade pódese elixir entre o nivel B1.2, B2.2 e C1.2 con distintas sedes entre o campus e a cidade e diferentes horarios e datas. No caso de apostar pola modalidade totalmente virtual, o catálogo inclúe cursos dos tres mesmos niveis e con diferentes datas e horarios.
Outro dos idiomas que se oferta é o chinés, que comprende a opción da presencialidade total ou a semipresencialidade. No primeiro caso están os obradoiros de caligrafía chinesa, que terá lugar o 16 de marzo, e de recortado de papel chinés, que será o 20 de abril, sendo ambos de balde tanto para os membros da comunidade universitaria como para as persoas alleas. En modalidade virtual haberá un obradoiro de iniciación á lingua e cultura chinesa, que terá lugar entre o 2 de febreiro e o 11 de maio. Trátase dun curso en que o alumnado se iniciará no coñecemento da lingua chinesa e do contexto social e cultural do país para poder desenvolverse en situacións cotiás. O período de matrícula está aberto ata o 26 deste mes de xaneiro.
Para formarse en portugués tan só haberá a opción de realizar o curso virtual de B1 entre o 5 de febreiro e o 14 de maio. Finalmente, o segundo cuadrimestre complétase co tradicional curso de español como linguas estranxeira (ELE). No campus de Vigo ofertarase en modalidade presencial (sempre e cando haxa un mínimo de 12 estudantes do mesmo nivel para abrir un grupo): iniciación (A1), elemental (A2), intermedio baixo (B1) e intermedio alto (B2).
Dobre de persoas matriculadas para os exames de acreditación de inglés Certacles
Ao longo desta semana tamén se están a realizar as probas orais e escritas de acreditación de inglés Certacles e de francés. No caso da lingua inglesa, son 198 as persoas matriculadas para acreditar o seu nivel, máis do dobre que no curso pasado. Deles, 50 son estudantes que quedaron pendentes de realizar os exames na convocatoria de maio, que se tivo que suspender por mor da pandemia da covid-19. En total, do nivel B1 examínanse 70 persoas; do nivel B2 outras 88 persoas e do C1 outras 40. A estas súmanse outras 14 persoas que se están a examinar para a proba de acreditación de francés.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.