O alcalde de Nigrán aprobou esta mañá o prego do concurso público para adxudicar un contrato privado de arrendamento dunha parcela céntrica destinada ao estacionamento público e gratuíto de vehículos, cuestión considerada prioritaria para este goberno. O obxectivo do consistorio é alugar de xeito transparente unha nova finca que sirva de alternativa ao aparcamento público da rúa Vilameán (este fora cedido de xeito gratuíto no 2013 e está inoperativo dende decembro por iniciar a propiedade obras de urbanización). Os pregos e a convocatoria serán publicados este venres na sede electrónica do Concello (http://sede.nigran.org) e os interesados disporán desde ese momento de 20 días para presentar ofertas a través do Rexistro.
“O prego elaborado polos técnicos contempla entre os seus criterios que sexa unha parcela igual de céntrica que a de Vilameán ou un prezo máximo tasado por metro cadrado. É fundamental contar con este espazo porque somos conscientes do beneficio que supón para os veciños que non viven no núcleo urbano e para o comercio e empresas da zona“, sinala o alcalde, Juan González, quen engade que o aluguer dunha finca por parte dun organismo público conleva unha tramitación transparente que dé igualdade de oportunidades a tódolos propietarios interesados en concorrer. “É un procedemento que conleva uns prazos e que outorga seguridade xurídica e transparencia”, sinala.
As características mínimas desta parcela, segundo establece o prego, é situarse nun radio de 250 metros medidos dende o acceso ata a casa consistorial; acceso por vial público asfaltado e con iluminación pública e fronte mínima de 5 metros; topografía eminentemente chaira; solo rústico ou apto para desenvolver; superficie mínima de 2.000 m2 non sendo abonados nin empregados os metros cadrados que superen os 3.000; e, finalmente, establécese un prezo máximo de 2,58 €/metro cadrado ao ano cun máximo anual de 7.440 € (sen IVE) e cunha duración máxima de 4 anos.
“Afortunadamente, hai varias parcelas que cumpren os requerimentos e os propietarios amosaron o seu interese por presentarse ao concurso”, indica González, quen subliña que os criterios de adxudicación ponderan especialmente a baixa respecto ao prezo base de licitación (55 puntos máximo), a ubicación céntrica (30 puntos máximo) e a entrada e saída independentes (15 puntos máximo).
O prego inclúe que o Concello poderá levar a cabo as obras precisas para adaptar a configuración actual da parcela á finalidade prevista e ao remate o Concello a devolverá libre de calquera edificación ou instalación sobre ela.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.