O Concello de Ponte Caldelas e a Deputación alíanse para fomentar a inserción laboral a través da apicultura

Ofertan un curso de formación para animar ás persoas desempregadas a emprender no rural aproveitando os recursos do rural
Publicado por o día 03/04/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas e a Deputación alíanse para fomentar a inserción laboral a través da apicultura

Aproveitar a posición xeográfica de Ponte Caldelas, un territorio idóneo para a apicultura, para desenvolver toda a potencialidade que a produción de mel artesán pode achegar é o obxectivo dun curso de formación e inserción laboral, dirixido exclusivamente a persoas desempregadas, no que colaboran a Deputación Provincial e o Concello de Ponte Caldelas.

A actividade, que leva por nome DepoApicultura (A Apicultura sostible como fonte de emprego rural), xa ten aberto o prazo de inscrición. É totalmente gratuíta para as persoas sen traballo e só hai que inscribirse no teléfono 886 210 725 ou no enderezo electrónico depoapicultura@depo.gal. Nestes medios facilitarase tamén toda a información e aclararanse cantas dúbidas poidan xurdir.

O prazo de inscrición xa está aberto ata o próximo día 22, porque o curso comeza ao día seguinte na Casa da Cultura de Ponte Caldelas. É moi sinxelo de seguir porque a parte presencial só inclúe os días 23 e 24 en horario de 9 a 14 horas e o resto da formación realizarase a través dunha plataforma telemática. Ademais, incluirá unha visita a unha explotación apícola situada no concello de Vilaboa. Se hai suficientes inscritos, a Deputación facilitará o transporte gratuíto en autobús.

O programa do curso consiste en sete módulos formativos que abordan tódalas cuestións relativas á sanidade das colmeas, produción de mel e, finalmente, un último módulo centrado na elaboración dun plan de negocio, estratexias de busca de emprego e elaboración do currículum.

O curso, que foi presentado estes días ao alcalde, Andrés Díaz, estará impartido polo enxeñeiro agrónomo, Joaquín Figueroa, un técnico con moita experiencia e que é todo un luxo para quen aspire a formarse no eido da produción de mel artesán. Inclúe un temario moi completo que vai moito máis alá da ameaza da vespa velutina e presta moita atención, por exemplo, á praga da varroa, que causa verdadeiros estragos nas colmeas e da que se fala moito menos.

O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) pretende impulsar a inserción laboral dende o rural como estratexia para fixar poboación. A aposta é buscar oportunidades de negocio tirando todo o partido posible dos recursos que ofrece un territorio como o de Ponte Caldelas, onde predominan os valores naturais e, moitas veces, están desaproveitados por falta de visión empresarial. Trátase, en suma, de ofertar posibilidades de gañala vida e obter uns ingresos dende o rural, sen ter que buscalos no sector industrial ou no sector servizos das cidades. E, por suposto, de fomentar un modo de vida alternativo, sostible e alternativo, en contacto coa Natureza.