O confinamento multiplica a creatividade das futuras enxeñeiras e enxeñeiros de telecomunicación

Presentáronse 15 solucións tecnolóxicas para múltiples problemas “reais e próximos”
Publicado por o día 11/05/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O confinamento multiplica a creatividade das futuras enxeñeiras e enxeñeiros de telecomunicación

15 solucións tecnolóxicas para problemas reais e próximos, 15 ideas pensadas para facilitarlle a vida a distintos colectivos. Hoxe venres a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolle a final dos LPRO Days, unha data na que cada ano o centro se converte nun auténtico escaparate tecnolóxico e saca peito ante as empresas do sector dos traballos realizados polo alumnado que está a piques de titularse. Este ano a situación provocada pola COVID-19 fixo que as cousas mudasen e que non puidese celebrarse como en edicións anteriores, pero nin sequera o confinamento evitou que as alumnas e alumnos sacasen o mellor de si, continuasen adiante cos seus traballos e os amosasen, neste caso virtualmente, ante os que en breve serán os seus empregadores.

Participaron 74 alumnas e alumnos repartidos en 15 equipos, titorizados por 18 docentes do centro, con Manuel Caeiro á fronte, profesor responsable da materia Laboratorio de Proxectos, na que se inscribe esta iniciativa. A finais de abril presentaron ante un tribunal académico, a través dunha das aulas do Campus Remoto, as súas propostas. Tamén se enviaron as súas memorias a dúas empresas que elixiron cinco finalistas. Hoxe venres volven reunirse e elixirán a proposta gañadora. “A maior parte das propostas que se presentaron tratan problemáticas reais e próximas”, explica Caeiro, facendo fincapé en que o amplo abano de temas tratados axuda a transmitir a idea de que as tecnoloxías de telecomunicación son moito máis “amplas e transversais” do que a priori pensan moitas persoas. “Os proxectos que se fixeron son unha mostra representativa desta diversidade, tratando dende problemas socio-sanitarios, pasando por axuda a persoas con discapacidades, solucións de monitorización para o campo, respostas a temas de mobilidade, etc.”, recalca o docente.

Cinco finalistas:  sistemas de monitorización, de axuda a dependentes…

O xurado –composto nesta ocasión por representantes de Gradiant e Optare- terá que elixir hoxe entre cinco propostas. As presentacións arrancarán ás 16.00 horas co equipo 3, creadores de PIC4Learn, unha aplicación para traducir a pictogramas de texto plano a partir de imaxes, unha tecnoloxía pensanda para o recoñecemento de imaxes, simplificación e adaptación de textos en contos infantís. Os seguintes serán Aboaherba, un sistema de análise de estrés hídrico para campos en base ao uso de cámaras, e logo HoFlow, dirixido ao control e xestión remota de caudais de auga para zonas remotas e de difícil acceso. As presentacións continuarán con Kibitz, unha proposta de realidade virtual dirixida a facilitar as partidas de xadrez a partir de fotografías, e rematarán arredor das 18.00 horas con ES3 que ofrece solucións para facilitar o uso de patinetes eléctricos con detección de caídas, desbloqueo, xeolocalización, etc.

“Que destacar destes proxectos? O primeiro a variedade de temas e problemas que tratan. Coido que é representativo do que dicía anteriormente”, recalca Caeiro. Dende un conversor de texto en pictogramas para persoas do espectro autista, ata a solución de virtualización para xadrez, pasando por un sistema de votación a distancia, unha solución para a medición do estrés hídrico mediante cámaras ou unha técnica para a medida remota de caudais en infraestruturas hidráulicas. “En cada proxecto xa hai un traballo importante en canto á análise e comprensión do problema e do escenario, a partir do cal se  chega a unha solución básica pero funcional”, recalca o responsable da materia.

Innovación e nivel de acabado dos prototipos, o máis valorado

Á hora de decidir a proposta gañadora o xurado valorará sobre todo o nivel de acabado de cada un dos proxectos. “Loxicamente trátase de prototipos, pero para min o coidado e a calidade co que algúns equipos presentan as súas creacións dálles uns puntos extras sobre outros que non o fan tanto”, recalca Caeiro. Por outra parte, os representantes das empresas tamén acostuman valorar moito o grao de innovación, é dicir, a capacidade de sorprender, de presentar propostas diferentes ao que se pode atopar actualmente no mercado. “Agora ben, son os representantes das empresas os que outorgan os premios e non sabería dicir que é o que eles teñen máis en conta. Verémolo esta mesma tarde”, recalca o docente, investigador de atlanTTic, o centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo.

Este ano a elección dos proxectos finalistas fixérona representantes de Gradiant e Optare, dúas firmas que dende o primeiro intre manifestaron a súa preocupación e interese por manter a tradición de outorgar premios a algúns proxectos. Segundo indicaron os seus responsables realizaron a selección en base a compoñente creativa e innovadora, complexidade, grado de desenvolvemento, aplicabilidade práctica e traballo en equipo demostrada por cada un dos grupos.  “Teño que dicir que eu tería escollido outros proxectos, e que seguramente cada persoa teña unhas preferencias distintas. É algo que pasa cada ano”, recalca Caeiro, ao que engade que quizais estes cinco proxectos son os que acadaron un estado de desenvolvemento máis claro de cara a poder ser postos en práctica. “Neste sentido hai outros proxectos que coido que teñen un carácter máis innovador que non foron elixidos”, engade o docente.

Unha edición especial

A pesar das circunstancias derivadas da crise sanitaria foron moitas as empresas  colaboradoras que se puxeron en contacto coa escola interesándose polos proxectos que se estaban a desenvolver este ano. “Afortunadamente todos os equipos conseguiron rematar os seus proxectos, que non é pouco. Penso que tivemos sorte, dentro do que cabe, pois cando nos tivemos que recluír xa tiñamos lanzados todos os proxectos e os equipos tiñan unha idea moi clara do que facer”, recalca Caeiro, quen tamén destacou a habilidade dos diferentes grupos para realizar as presentacións e demostracións finais a través da aulas do Campus Remoto, “sendo quen de superar as limitacións do medio e facer ver o funcionamento dos seus proxectos”.

Ademais das cinco propostas finalistas, a edición deste ano acolleu, tal e como recordaba Caeiro, a presentación doutros proxectos: transportes alternativos no rural; unha plataforma de asistencia ao tratamento de trastornos de conduta alimentaria; un sistema monitorización e control para hortas interiores; outro sobre asistencia e apoio no fogar a persoas con dexeneración cognitiva, un sobre xemelgos dixitais de embarcacións, …

Comentar noticia

Your email address will not be published.