O goberno local de Vigo expresa o seu pesar polo falecemento no día de onte de M.S.L

Publicado por o día 08/01/2021 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno local de Vigo expresa o seu pesar polo falecemento no día de onte de M.S.L

O goberno local expresa o seu pesar polo falecemento no día de onte de M.S.L., de 47 anos e nacido no Senegal, que residía na nosa cidade en situación de rúa.

Os servizos sociais municipais levaban varios anos atendendo a este cidadán que accedeu por primeira vez ao Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social (CIIES) en novembro de 2017, utilizando estes servizos de forma ocasional. Pernoctou o 1 de xaneiro de 2018 no albergue e abandonouno por vontade propia.

Era usuario da Unidade de Rúa e os profesionais trataron en moitas ocasións de motivalo para que fixera uso das prestacións municipais (pernocta, entrega de comida, seguimento social, orientación educativa en hixiene e hábitos saudables). Sempre foi reacio ao uso do servizo de pernocta e hixiene e tan só aceptou o servizo de comedor externo do albergue, prestación que usaba de xeito regular desde o 19 de agosto de 2020. Ademais, a Unidade de Rúa, cando non acudía, trasladábase á súa ubicación para llevarlle os alimentos.

Xa en período de confinamento, M.S.L. accedeu ao albergue provisional do Berbés o 24 de marzo de 2020 onde permaneceu 5 días, causando baixa voluntaria o 29 de marzo de 2020. O pasado 7 de decembro, o equipo da Unidade de Rúa do CIIES do Concello de Vigo desprazouse ata o vehículo no que pernoctaba M.S.L. cando abandonaba as instalacións municipais, co obxectivo de facer un seguimento da situación e realizar novamente motivación de acceso a servizos sociais. Tras a orientación da Unidade de Rúa, o falecido e a súa parella aceptaron praza de pernocta e foron derivados a un hostal ao que accederon ese mesmo día. Asignóuselles praza de comedor externo no CIIES e déronlles cita cos Servizos Sociais do Concello para o 9 de decembro. Un día antes, o 8 do decembro de 2020 a parella de M.S.L., estando no hostal, atopouse indisposta e foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro, con posterior derivación a un centro sociosanitario de Pontevedra.

M.S.L. decidiu abandonar voluntariamente o hostal e non acudiu á cita do día 9 cos Servizos Sociais. Desde entón, a Unidade de Rúa seguiu facendo un seguimento periódico da súa situación, acudindo ao seu lugar de pernocta. A última intervención da equipa municipal in situ foi o 4 de xaneiro de 2021. Localización, revisión do estado xeral, entrega de alimentos e orientación educativa (facilitóuselle información sobre a súa parella e ofrecéuselle acceso ao CIIES, entre outras prestacións). M.S.L. Ese mesmo día acudiu ao CIIES para realizar unha chamada a súa parella e almorzou. Fixo uso do servizo de comedor externo do albergue municipal ata o día 6 de xaneiro.