O IV Foro de Agroecoloxía denuncia a fraude das políticas contra o cambio climático e aposta por unha agricultura ecolóxica, apoderada e resiliente

O IV Foro Labrego de Agroecoloxía celebrou hoxe, 16 de novembro, a súa primeira xornada centrado en analizar a interrelación entre a agricultura e o cambio climático e as respostas que se están a deseñar e poñer en práctica tanto dende os poderes públicos como dende as propias labregas e labregos.
Publicado por o día 16/11/2019 na sección de Sindicatos,Sindicato Labrego Galego

O IV Foro de Agroecoloxía denuncia a fraude das políticas contra o cambio climático e aposta por unha agricultura ecolóxica, apoderada e resiliente

O IV Foro Labrego de Agroecoloxía celebrou hoxe, 16 de novembro, a súa primeira xornada centrado en analizar a interrelación entre a agricultura e o cambio climático e as respostas que se están a deseñar e poñer en práctica tanto dende os poderes públicos como dende as propias labregas e labregos.

A encargada de inaugurar o Foro foi a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, que abriu a palestra “Como afecta o cambio climático ás producións labregas?”. Vilalba afirmou que nos atopamos nunha encrucillada na que, diante da crise de emerxencia climática debemos considerar como imos abordala: continuando co actual sistema fascista e depredador de recursos que está a condenar á maior parte da humanidade a unha situación de pobreza extrema; ou mudando cara a un sistema baseado na xustiza social e no respecto polo equilibrio medioambiental do planeta. A secretaria xeral do SLG amosouse desconfiada diante das solucións que se están a propor como a captura de carbono en sumidoiros que podería facer perigar a pouca terra agraria que queda en Galiza por fomentar o cultivo de eucaliptos, ou a denominada “agricultura climaticamente intelixente”, que se basea na venda de insumos e paquetes tecnolóxicos por parte da industria que nos farán aínda máis dependentes na produción de alimentos. Fronte a isto, Vilalba avogou pola agroecoloxía, xa que, segundo estudos facilitados por Amig@s da Terra aínda inéditos, a agricultura ecolóxica consume un 50% menos de enerxía cá convencional e entre un 46 e un 66% menos de emisións de gases con efecto invernadoiro

Pola súa banda, Pablo Meira, do Grupo SEPA da Universidade de Santiago de Compostela, analizou a través de varios estudos na última década cal é a percepción da xente respecto do cambio climático. Datos como os do CIS de 2018, no que o clima nin sequera aparece entre as máximas preocupacións das persoas que viven no Reino de España, e no que só o 1’4% cita os problemas medioambientais ou o 0’1% a agricultura, invitan ao pesimismo de que sexamos quen de afrontar coa suficiente forza e convencemento as solucións á emerxencia climática.

De igual maneira, tampouco foron optimistas os datos achegados por Xosé Veiras, experto en cambio climático que, entre varios, expuxo os datos dun estudo de Meteogalicia que realizou unha proxección comparando o clima do período 1971-2000 co de 2061-2090. Este informe concluía que subirá entre 3 e 4º máis de temperatura e que se reducirá a pluviometría un 35% nas épocas estivais. A situación crítica que se aveciña recoñécese na propia Estratexia de Cambio Climático da Xunta, que admite que “pode chegar a desestabilizar os sectores agrogandeiros e forestal galegos”.

Recuperar os saberes tradicionais e melloralos coa experiencia e coñecementos do século XXI

A segunda palestra do IV Foro contou coa participación de Belén Fervenza (responsábel da Dirección de Horta do SLG e membro da Rede Galega de Sementes), Alejandra González (enxeñeira agrónoma especialista en agricultura rexenerativa) e Santi Rodríguez Cid (labrego) para falar, respectivamente, do valor das sementes, da agricultura rexenerativa e da tracción animal no actual contexto.
Un denominador común nas súas intervencións foi a necesidade de recuperar e conservar os coñecementos tradicionais en cuestións como as sementes, a fertilidade dos solos agrarios ou o apoio e mesmo substitución dos motores mecánicos pola forza animal; pero enriquecidos polos avances científicos e polo propio coñecemento e experiencia persoais nun escenario sempre cambiante.
Porque fronte ao que se está dando en chamar agricultura climaticamente intelixente, que non deixa de ser un novo paquete de insumos co que nos queren manter atados e atadas ás industrias; cómpre apoderarse para facermos nosa, de todos e de todas, a produción sostible de alimentos e todos os coñecementos e saberes ligados a ela.

Un bo exemplo práctico de que isto é posible deuno Antonio Carral, labrego que rexenta a Gandería O Alle (Lalín) e que, despois de evolucionar dende a gandería convencional á ecolóxica, agora aposta pola agricultura rexenerativa, respectando os ritmos e necesidades vitais do gando e considerando o solo coma un ser vivo que tamén debe ser coidado, e conseguindo resultados como un aumento no 50% na produción de herba, unha mellora do 80% na reprodución ou deixar de depender totalmente de insumos externos á granxa.

A raíz do fracaso das políticas contra o cambio climático

Xa pola tarde, Lidia Senra (ex-eurodeputada e labrega), Javier Alonso (responsábel de Medio Ambiente e Cambio Climático da Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras-COAG) e Begoña de Bernardo (presidenta de Véspera de Nada) analizaron as políticas de loita contra o cambio climático que se están a desenvolver nos ámbitos europeo, español e galego. Unha frase de Jorge Riechmann, citado por Begoña de Bernardo, resume a idea xeral que transmitiron: “O síntoma é o cambio climático. A enfermidade chámase capitalismo”. E é que todas as políticas que se están a deseñar son só medidas cosméticas que non abordan a clave do problema: un sistema económico que depreda recursos e queima combustibles fósiles coma se non houbese mañá, que só ten como obxectivo seguir medrando e que sustenta o benestar dunha minoría de países en base ao empobrecemento da maior parte do planeta.

No eido agrario, Senra preguntouse porque a Unión Europea non menciona medidas que reducirían drasticamente a emisión de gases con efecto invernadoiro, como reducir o comercio internacional ou apostar por sistemas agroalimentarios sostibles. Pola contra, cada vez se están a asinar máis e máis tratados de libre comercio para transportar alimentos a miles de quilómetros cando se poderían producir perfectamente a escala local. Neste senso, Lidia Senra citou estudos que estiman en que o sistema agroalimentario vixente, incluíndo inputs como transporte ou produción, é o responsábel do 50% das emisións de gases con efecto invernadoiro. A ex-eurodeputada subliñou a necesidade de que este debate se dea dentro da esquerda para que se vaia asumindo que a única solución efectiva debe pasar por un cambio no modelo de produción e de consumo dominante e por unha transición seria cara á agroecoloxía.