O Museo amplía a súa oferta de visitas guiadas durante a Semana Santa

Entre os domingos 25 de marzo e 1 de abril oferta dúas visitas diarias para coñecer as xoias artísticas máis representativas de cada época histórica que forman parte da súa colección permanente
Publicado por o día 21/03/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Aproveitando que a Semana Santa soe implicar máis días de lecer para moitas persoas, o gabinete didáctico do Museo de Pontevedra amplía o programa de visitas guiadas, co obxecto de establecer novos itinerarios pola colección permanente. A participación, como vén sendo habitual, é de balde.

Baixo o título ‘Visita especial Semana Santa’ ofértase participar nun itinerario comentado que se deterá nas obras máis representativas expostas nos edificios Sexto e Sarmiento. Trátase dun periplo histórico-artístico que permite un achegamento ás  xoias da prehistoria e da antigüidade, aos baldaquinos de finais do século XV e principios do século XVI, á obra de grandes artistas galegos dun amplo recoñecemento fóra da Galiza e que realizaron obras que, se ben amosan sensibilidades distintas, son produto do seu tempo. Estas visitas terán lugar desde o domingo 25 de marzo ao domingo 1 de abril -luns pechado- e haberá dúas opcións de horario. Pola mañá ás 11:30h –domingos e festivos só neste horario-, e pola tarde ás 18 horas. O punto de encontro establécese no mostrador do Sexto Edificio e non é necesaria inscrición previa.

No período de Semana Santa tamén será posible visitar as Ruínas de San Domingos, que se abrirán ao público a partires deste sábado 24 de marzo. Os horarios das visitas comentadas serán de martes a venres non festivos, ás 12h e  ás17:30h; os sábados ás 17:30h, e os domingos e festivos ás 12h. Tampouco é preciso inscrición previa.

Para a que si será preciso inscrición previa será para ‘A ruta do Museo’. Este itinerario seguirase celebrando en sábado, ás 11:30 h, e propón unha aproximación á historia dos seis edificios que compoñen o Museo de Pontevedra e ás principais coleccións que custodia. O punto de encontro son as Ruínas de San Domingos e soe durar uns 90 minutos. Para participar é necesaria a inscrición previa a través do enderezo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es, ou ben chamando ao teléfono 986 804 100 extensión 42413.

Á marxe destes itinerarios sinalados, todos os grupos que queiran realizar unha visita ao museo a través do seu servizo gratuíto de guías e da súa ampla oferta de percorridos comentados, é necesario que concerten previamente cita co Gabinete didáctico.