O Museo de Pontevedra e a Asociación Etnográfica Sete Espadelas decidiron aumentar as visitas guiadas á exposición ‘Galiza, a terra dos mil panos’ tras a avalancha de participantes do pasado sábado. En concreto, realizarase un novo percorrido comentado este xoves, ás 19:30 horas, a cargo dos dous comisarios da mostra, José Luis Rodríguez Álvarez e David Quiñones Vázquez, que se suma ao inicialmente programado para o vindeiro sábado 24, ás 12:00 da mañá.
Quedan así dúas citas para as persoas que queiran coñecer máis en profundidade e con explicacións personalizadas as características da escolma de máis dun cento de mantóns e tecidos orixinais utilizados en Galiza nos séculos XIX e principios do XX, oportunidades únicas para ver pezas maxistrais de gran categoría que dificilmente se poderán reunir de novo noutra mostra.
A organización da nova visita guiada extra débese principalmente ao éxito colleitado na visita guiada do pasado sábado 17, cando foi preciso organizar tres grupos para percorrer a exposición, xa que ás 19.30 horas presentáronse máis dun cento de persoas para participar na actividade. Para dar cumprimento a todas as persoas asistentes foi preciso que cada un dos comisarios se encargase por separado de cadanseu conxunto de visitantes e que outro grupo quedara en agarda ata que finalizou a primeira quenda de explicacións.
Ademais de coas visitas guiadas, ‘Galiza, a terra dos mil panos’ pódese visitar libremente ata o vindeiro 1 de setembro. En total expóñense nove grupos de téxtiles que usaban galegas e galegos de finais do século XIX e inicios do XX con variadas tipoloxías e tamaños, materias primas, confeccións, adornos, bordados ou técnicas de estampaxe coas que se enfeitaba a indumentaria tradicional.
Pódense ver panos de corpo e cabeza de decotío, panos de loito, panos muradáns ou panos de namorar (os únicos que levaban os homes). As máis espectaculares son as coleccións de mantóns de Manila, e os panos de oito puntas de Paisley, confeccionados en la e seda, que inicialmente chegaron a Europa desde a India e que despois pasaron a elaborarse en Escocia, desde onde pasaron a Galiza.
Por outra banda, o grupo dos adamascados inclúe pezas de máis de 12o anos dos coñecidos como ‘panos de Laire’ ou ‘panos canarios’, de seda, finos e con flocos, que se colocaban baixo o dengue dos traxes de garda e domingueiros, e que eran unha prenda de grande aprecio e distinción entre as mulleres galegas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.