O Concello de Mos comeza o novo ano a pleno rendemento coa entrada en vigor, a próxima semana, do orzamento municipal para 2021 ao non terse presentado ningunha alegación ao mesmo nin por parte dos grupos políticos da oposición membros da Corporación Municipal, nin por asociacións ou veciños/as particulares do municipio.
O prazo de presentación de alegacións rematou o pasado 30 de decembro sen que se tivese presentado ningunha. Unha vez rematado o prazo, será publicado no Boletín Oficial do Estado, BOE, publicación que se prevé se produza de cara á vindeira semana.
Neste senso a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Facenda, Alberto Méndez, declararon sentirse “satisfeitos ao poder comezar o exercizo 2021 cos engranaxes da maquinaria da administración local perfectamente engrasados para iniciar o ano traballando e xestionando a pleno rendemento”, ademáis destacaron que “é un orgullo ter elaborado un ozamento que entendemos conta coa aprobación, o consenso e o beneplácito de Mos, ao non ter recibido ningún tipo de alegación”.
O orzamento municipal mosense foi aprobado en tempo e forma, e antes do inicio do novo exercicio económico, no Pleno Ordinario do pasado mes de novembro. E tras o período de exposición pública e prazo de alegacións entra agora en vigor sen que se producise ningunha.
Trátase o de 2021 dun orzamento que ascende a 10.998.777,43 euros no seu estado de gastos. É o décimo terceiro presuposto que Nidia Arévalo elabora como rexedora municipal e se repite, o feito de presentalo en tempo e forma antes do inicio do novo exercicio. Tamén se repite o feito de non ter pedido ningunha operación de préstamo bancario.
Sen embargo non se repiten as circunstancias que marcaron a elaboración dos orzamentos anteriores, senón que neste novo documento o principal condicionante, con máis peso e influencia, foi a COVID-19.
A crise sanitaria da COVID-19 está a deixar a súa pegada en todos os aspectos e por elo o novo orzamento mosense de 2021 está moi marcado e condicionado pola pandemia que afecta en xeral a todas as partidas, tanto á alza como á baixa, co obxectivo de poder dar cobertura ás novas necesidades municipais surxidas á raíz da COVID-19.
Sí se manteñen nos trece orzamentos elaborados por este Concello con Arévalo na Alcaldía constantes como a súa presentación antes do inicio do exercicio económico correspondente, e que se trata dun documento que se axusta á realidade.
A gran novidade deste orzamento foi a creación dunha nova partida específica destinada a gastos derivados da COVID-19, que sumada ás subidas noutras partidas tamén por diversos gastos directos derivados da pandemia, ascende aproximadamente a uns 200.000 euros, que lle permitirán ao Concello adaptarse e afrontar os novos gastos que se xeraron coas novas circunstancias da nova normalidade.
A devandita partida inclúe, entre outros gastos municipais surxidos coa crise sanitaria, desde un reforzo de dotacións para a Policía Local e o Servizo Municipal de Emerxencias que implican unha mellora do equipamento específico para realizar labores relacionadas coa COVID-19, ata un aumento da dotación económica da partida de Educación, etc.
Ademais desta nova partida, o máis importante e destacable do orzamento 2021 é o importante incremento de Benestar Social, que crece debido ao incremento de horas de servizo á dependencia (SAF), entre outras políticas sociais e programas que demandan máis servizo, sendo a partida máis elevada, un ano máis, a destinada a gasto social, que acada o 1.632.914 euros.
A Policía Local de Mos, dotada de 422.337,46 euros, e o Servizo Municipal de Emerxencias, con 66.997,38 euros son dous departamentos que se ven reforzados no novo orzamento. A Policía continuando na liña de cubir as prazas vacantes, e o Servizo Municipal de Emerxencias co novo GES para Mos, xa que cómpre lembrar que o peso dos servizos a domicilio e desinfeccións para os afectados pola COVID-19 lévano desde Emerxencias.
No que respecta ás prazas da Policía Local, no presente ano 2020 xa se incorporaron 2 novos axentes locais e o vindeiro 2021 farano outros 2, co que a plantilla da Policía de Mos increméntase en 4 novos axentes. A dotación económica para os soldos dos 2 axentes que se incorporarán en 2021 ascende a 65.500 euros.
Educación creceu ata chegar aos 108.500 euros ao dotarse con 16.000 euros ao protocolo específico de desinfección fronte á COVID-19 que se realiza en todos os centros educativos do municipio.
Tamén creceu a dotación do Plan Cultural. Trátase dun reforzo económico para respaldar ás agrupacións do municipio nuns momentos nos que a súa actividade atópase prácticamente a cero por mor da crise sanitaria da COVID-19. Deste xeito incrementouse a partida destinada a financiar o Plan Cultural do Concello de Mos pasando de 25.000 euros en 2020 a 40.000 en 2021 cunha subida porcentual do 60%.
Así, as bases do Plan Cultural modifícanse tamén, de xeito que se adapten á nova realidade e poidan contabilizarse como actuacións as colaboracións que realicen para dinamizar as redes sociais do Concello, sen necesidade de que se produza o espectáculo e/ou concerto físicamente.
En Deportes prodúcese un aforro do gasto en mantemento de instalacións deportivas como a Piscina Municipal, Pavillóns Municipais e Multiusos debido á reducción de actividades presenciais e aforo con motivo da crise sanitaria. Pero destaca a pesares disto, no capítulo de Deportes, a partida destinada a subvencións a deportistas e clubes mosenses aos que xa este 2020 se lles subira o importe da axuda municipal e, no 2021, ademais de manter a suba xeral, o equipo da U.D. Mos Feminino que ascendeu a Primeira Nacional verá incrementada a súa subvención crecendo ata chegar aos 40.000 euros.
Ademais das deportivas, mantéñense tamén todas as subvencións sociais.
Desde o goberno local mosense séguense a priorizar os servizos e continúase a apostar polos labores de limpeza viaria, desinfeccións exteriores, mantemento de parques e xardíns e acometida de obras de saneamento, asfaltado e mellora da seguridade viaria. Para elo deseñouse unha folla de ruta para levar a cabo o plan de inversións municipais, baseado no estudo previo de todas as necesidades existentes no Concello.
Ademais o orzamento de 2021 trátase dun orzamento marcado pola contratación de todos os servizos municipais que foron sacados a concurso público e que xa se atopan adxudicados, entre os que están o material de oficina, alarmas, mantemento de parques e xardíns, soporte informático, climatización e calefacción… e un longo etcétera.
“Por suposto seguimos a impulsar medidas de aforro entre as que se atopan mater o esforzo desde esta Alcaldía para acadar axudas en forma de achegas económicas doutras administración” explicou a rexedora local mosense, “como veño facendo dende que son alcaldesa de Mos”.
“En definitiva”, concluiu finalmente Arévalo “en xeral o orzamento de 2021 caracterízase pola influencia da crise sanitaria da COVID-19 que fai fluctuar, tanto á alza como á baixa, en xeral case todas as partidas. Pero, a pesar do seu incremento destinado a políticas sociais, é un presuposto baseado na austeridade e na eliminación de gasto superfluo ademais de ser presentado, como cada ano desde que son alcaldesa, en tempo e forma, antes do remate do exercizo en vigor e do inicio do novo exercizo, e cumprindo coa porcentaxe necesaria da área de gasto destinada á amortización de débeda pública e sen facturas pendentes de recoñecer de anos anteriores; o que fará que en 2023 Mos teña débeda cero”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.