O ocupante dun turismo necesita a axuda dos bombeiros para saír dun coche accidentado en Cuntis

Publicado por o día 20/01/2021 na sección de Sucesos

O ocupante dun turismo necesita a axuda dos bombeiros para saír dun coche accidentado en Cuntis

A saída de vía dun vehículo na N640, ao paso polo concello pontevedrés de Cuntis, obrigou a intervir aos bombeiros para liberar ao ocupante, atrapado no interior por unha perna.

O 112 Galicia rexistrou o sinistro minutos antes das sete desta mañá, tal e como indicou unha testemuña mediante a súa chamada de alerta.

A partir de aí, activouse un operativo no que deberon participar os Bombeiros do Salnés, así como os membros do GES da Estrada, para liberar ao condutor, que tiña unha perna atrapada. Unha vez fóra do coche, a persoa puido ser atendida polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e mesmo foi evacuada ao centro hospitalario de referencia.

Cómpre recordar que o accidente produciuse na N640, na coñecida recta da Anllada, onde o condutor perdeu o control do vehículo e saíuse da vía.

Ademais dos bombeiros e sanitarios, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico, voluntarios de Protección Civil da localidade e persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento debido aos danos provocados polo impacto. En concreto, resultou afectado un farol, tal e como comprobaron as autoridades locais.