O Plan Forestal de Galicia dá cumprimento a case o 75% das recomendacións do Ditame da Comisión Forestal do Parlamento

Así o destacou José González, sinalando que as restantes recomendacións que implican á Consellería están incluídas no borrador da Lei de recuperación da terra agraria, que iniciará proximamente a súa tramitación na Cámara
Publicado por o día 08/01/2021 na sección de Galicia,Medio Ambiente,Xunta de Galicia

O Plan Forestal de Galicia dá cumprimento a case o 75% das recomendacións do Ditame da Comisión Forestal do Parlamento galego. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, que esta mañá presidiu por videoconferencia a reunión do Consello Forestal de Galicia, acompañado do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan. Deste xeito, a xuntanza serviu para darlles conta do contido do documento, un compromiso que se avanzara na Cámara galega.

En concreto, o titular de Medio Rural sinalou que o Plan Forestal atende 92 recomendacións parlamentarias dun total de 123. José González engadiu que as restantes recomendacións que implican á Consellería están incluídas no borrador da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que iniciará proximamente a súa tramitación na Cámara. Tamén resaltou que o documento recolle máis de 100 directrices de revisión do Plan Forestal, que estableceu o Grupo de Traballo creado en 2015 ao efecto dentro do Consello Forestal de Galicia.

Nese senso, o conselleiro puxo en valor o traballo colectivo e consensuado levado a cabo, tendo en conta as aportacións das asociacións vinculadas co sector forestal e co medio natural, dos propietarios e das industrias forestais, dos colexios profesionais e das universidades -entre outros- para impulsar de xeito conxunto a cadea monte-industria en Galicia. A previsión é levar en breve o documento ao Parlamento, para que quede aprobado polo Consello da Xunta no primeiro semestre deste ano.

Canto ás cifras e obxectivos, José González salientou que o Plan Forestal de Galicia contempla un investimento de 4.900 millóns de euros deica o ano 2040, dos que uns 4.000 millóns serán fondos públicos. Entre as principais finalidades está acadar as 425.000 hectáreas de frondosas e, no caso do castiñeiro, actuarase en 8.000 hectáreas nos próximos 20 anos para recuperar soutos tradicionais, mentres se plantarán outras 16.000 ha tanto para a produción de castaña como para a xeración de madeira.

No que se refire ao eucalipto, avogarase por unha redución do 5% da superficie con presenza desta especie chegados ao ano 2040, traballando para que un total de 20.000 hectáreas se convertan en masas doutras árbores. Así mesmo, mellorarase a xestión e a produtividade dos eucaliptais xa existentes, reforzarase o control das novas plantacións, potenciarase a silvicultura e reducirase a combustibilidade das masas mediante a xestión activa. Sobre as coníferas, especialmente o piñeiro, fomentaranse as repoboacións e reforestacións de alta calidade xenética, incrementando a superficie que ocupan estas árbores en 20.000 ha no prazo de 20 anos.

En base a estas premisas, o obxectivo é mobilizar os recursos madeireiros que permitan atender as demandas da industria en relación á madeira e á biomasa, acadando unhas cortas anuais de ata 12 millóns de metros cúbicos en 2040, fronte aos algo máis de 9 millóns actuais. A maiores, haberá outras liñas de traballo como o control das especies invasoras (especialmente acacias) mediante un programa que abranguerá 1.000 ha ou a loita biolóxica contra a avespiña ou o cancro do castiñeiro.

Outro piar fundamental será a mobilización das terras agrarias infrautilizadas ou abandonadas mediante un millar de aldeas modelo, 150.000 ha de polígonos agroforestais ou acadando en 2040 as 150.000 ha baixo algún tipo de figura de xestión conxunta. Outra das finalidades é chegar a un total de 850.000 hectáreas baixo algún instrumento de ordenación ou xestión forestal sustentable.

Canto á loita contra os lumes forestais, prevese ter lista na primeira metade desta lexislatura a nova Lei de prevención e defensa contra os incendios, un proceso participativo que virá tamén da man da reorganización dos distritos e da especialización de axentes facultativos medioambientais en materia de investigación de incendios forestais. A maiores, elaborarase de xeito participativo un plan plurianual para a definición das instalacións, dos equipamentos e dos recursos necesarios para as sedes de distrito, talleres, almacéns, garaxes, puntos de encontro, puntos de vixilancia e bases de medios aéreos.

Sobre a colaboración coas entidades e administracións locais, impulsarase o convenio para a xestión das faixas secundarias, reforzaranse os destinados a ter dispoñibles as brigadas de prevención/extinción e os camións de extinción, integraranse os convenios para a limpeza de marxes de pistas municipais e seguiranse elaborando e actualizando os Plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Por último, impulsarase a formación do persoal do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais e porase en marcha no concello ourensán de Toén o Centro Integral para a Loita contra o Lume, no que se contará cos maiores especialistas no comportamento e análise dos lumes forestais para dar formación aos bombeiros, concienciar á sociedade civil e desenvolver análise e investigación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.