A Xunta impulsa a actividade en Galicia de Camiño Escena Norte, programa de intercambio cultural con Asturias, Cantabria e País Vasco que do 22 de setembro ao 13 de outubro levará oito espectáculos destas comunidades a sete localidades galegas seguindo a Ruta Xacobea do Camiño do Norte.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe nun acto celebrado na praza da Quintana de Santiago para anunciar a carteleira galega deste programa, financiada pola Consellería de Cultura e Turismo dentro da iniciativa que promoven conxuntamente as asociacións profesionais de empresas de produción escénica das devanditas comunidades, entre as que se atopa Escena Galega. A súa presidenta, Belén Pichel, interveu tamén na presentación, xunto con Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación Provincial da Coruña; Juan Rivas, presidente do Consello Territorial da SGAE en Galicia, e as representantes das compañías galegas seleccionadas.
Dinamización cultural na Ruta Xacobea
O responsable da Agadic subliñou varios dos valores que achega Camiño Escena Norte e que foron tidos en conta pola Xunta á hora de se implicar no proxecto, como o feito de que se vertebre xeograficamente a través dunha das rutas históricas de peregrinación a Compostela, o Camiño do Norte, coa ollada posta na celebración do próximo Xacobeo 21. Tamén destacou que se trate dunha iniciativa xurdida do propio sector e artellada arredor da colaboración institucional, que amplíe as posibilidades de difusión exterior das nosas artes escénicas en réxime de intercambio e que leve asociadas actividades paralelas para o encontro profesional cara a futuras accións de colaboración.
Sutil incidiu, así mesmo, na participación do Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego (CDG) en Santiago, como un dos espazos de exhibición e receptor, ademais, dunha das residencias de creación escénica que se desenvolven no marco deste programa. Alí traballan durante toda esta semana a produtora galega Urdime e a asturiana El Callejón del Gato, que están a coproducir un espectáculo orientado aos primeiros anos da infancia.
En canto ao calendario de representacións en Galicia, arrancará o 22 de setembro en Ribadeo para chegar o 13 de outubro a Compostela seguindo o ronsel do Camiño do Norte por Mondoñedo, Lugo, Vilalba, Arzúa e Sobrado dos Monxes. Nestas sete localidades actuarán as compañías asturianas Teatro del Cuervo con Bojiganga e La Tejedora de Sueños con Como ceniza blanca sobre una hoguera, as cántabras Ábrego Producciones con La novia del viento e Espacio Espiral con Beatus, visiones del apocalipsis, e as vascas Teatro Goraka con El viaje de Ulises e Hika Teatroa con Sagartu. Todas as funcións serán de acceso libre ata completar a capacidade dos espazos.
Actuacións galegas en intercambio
Pola súa banda, as compañías galegas A Panadaría e Baobab Teatro viaxarán ás outras tres comunidades de Camiño Escena Norte para representar os seus espectáculos Elisa e Marcela e Luppo, respectivamente, ao tempo que Contraproducións desenvolverá unha residencia artística no País Vasco.
Entre as actividades paralelas ao abeiro deste proxecto, destacan tamén dúas accións asociadas á posta en escena de cada un dos espectáculos para garantir a conexión co público e enriquecer a súa experiencia a través de obradoiros previos de contextualización e debates ao remate das funcións.
Así mesmo, o 9 de outubro e no marco do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, Camiño Escena Norte organizará un encontro de dramaturxia no que participarán profesionais das catro comunidades para abordar a diversidade cultural nas artes escénicas e o papel do Camiño de Santiago como conector desta diversidade.
Camiño Escena Norte xorde por iniciativa das asociacións empresarias do sector que traballan neste ámbito xeográfico e que aglutinan un centenar de compañías de teatro, monicreques, danza e novo circo: xunto a Escena Galega, Asociación de Empresas de Teatro y Danza de Asturias (EscenaAsturias), Asociación Cántabra de Empresas Productoras de Artes Escénicas (ACEPAE) e Empresas de Producción Escénica Asociadas de Euskadi (Eskena).
A programación completa estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.escenanorte.com.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.