O Sergas publica a relación definitiva de admitidos e excluídos e a composición dos tribunais de selección para as categorías de persoal sanitario e de xestión e servizos

O luns, 17 de setembro, publicarase a resolución para 241 prazas de médicos de Atención primaria
Por o 13/09/2018 | Sección: Sanidad
O Sergas publica a relación definitiva de admitidos e excluídos e a composición dos tribunais de selección para as categorías de persoal sanitario e de xestión e servizos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos coa lista definitiva das persoas aspirantes admitidas e excluídas así como as exentas e non exentas do exercicio de lingua galega, e se nomean os membros dos tribunais cualificadores do concurso-oposición para o ingreso nas categorías de grupo técnico da función administrativa, grupo de xestión da función administrativa e técnico superior en documentación sanitaria.

O vindeiro luns, 17 de setembro, publicarase a resolución correspondente ás categorías de médico de familia de atención primaria e enxeñeiro técnico.

Está previsto que os exercicios da fase de oposición para o acceso a estas categorías, se desenvolvan durante a fin de semana do 24 e 25 de novembro próximos.

As listas coa relación definitiva de admitidos e excluídos por categoría, así como os declarados exentos e non exentos da realización do exercicio de lingua galega, poderán consultarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais, cada aspirante poderá acceder ao seu expediente profesional electrónico, en Fides/expedient-e/sección de procesos, e consultar o estado da súa solicitude.

Neste proceso resultaron admitidos un total de 2.556 aspirantes, dos que terán que realizar o exame de lingua galega, ao non ter acreditado o seu coñecemento mediante a presentación do correspondente certificado Celga, un total de 313.

Ofértanse un total de 286 prazas, das cales 241 corresponden á categoría de médico de familia de atención primaria, 11 a técnico superior en documentación sanitaria, 9 a grupo técnico da función administrativa, 18 a grupo de xestión da función administrativa e 7 a enxeñeiro técnico.

Na determinación da composición dos tribunais respectáronse os principios de profesionalidade e especialización dos seus membros establecidos pola normativa vixente, así como os criterios de designación elaborados pola Comisión técnica de mellora dos procesos selectivos e aprobados pola Mesa sectorial de negociación o pasado 20 de xullo. Estes criterios están publicados, para xeral coñecemento dos aspirantes e membros dos tribunais, na páxina web do Servizo galego de saúde.

Todos os seus integrantes proceden de distintos ámbitos de xestión e ostentan a condición de persoal estatutario fixo ou funcionario de carreira en categoría, para cuxo acceso se require estar en posesión dunha titulación do mesmo ou superior nivel académico ao esixido para o ingreso.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.