Os espectáculos para público familiar centran gran parte da oferta coa que dá comezo este mes a nova programación semestral da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), o circuíto de espectáculos promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) en colaboración con máis de 40 espazos asociados.
Esta primeira carteleira de 2018 achegaralles 346 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo aos espectadores de 37 concellos. A través deste circuíto contrataranse entre xaneiro e xuño 106 formacións artísticas, un 90% delas galegas, para o que se conta cun orzamento de 863.714 euros (448.850 por parte da Agadic e 414.836, das entidades locais titulares dos teatros e auditorios).
Circuíto profesional
O funcionamento do circuíto vén avalado por unha traxectoria continuada desde 1996 como principal mercado interior para as propostas escénicas galegas producidas de xeito profesional.
Neste inicio de ano, as propostas pensadas para os espectadores máis novos ocupan un lugar destacado na axenda da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que mañá mesmo presentará o espectáculo de maxia Trío de ases no Multiúsos da Xunqueira de Redondela e ten programadas outras cinco propostas familiares para a vindeira semana: a montaxe de teatro para bebés Chove!, de Titereficcions, representarase o día 12 no Centro Cívico Cultural de Arteixo, mentres que o día 14 terán lugar as funcións de Os Rockestein, de Malasombra, no Auditorio Municipal de Ourense; A alfombra máxica, de Babaluva, no do Carballiño; A galiña azul, de Tanxarina, no Pazo da Cultura de Narón, e Outono, de Pistacatro, no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo.
Esta tendencia esténdese ao resto do semestre, de xeito que a programación infantil supón un 48% do total con 124 citas teatrais, 16 de danza, 10 de maxia, oito de música e outras oito de circo. Neste ámbito, O secuestro da bibliotecaria, de Sarabela Teatro, e Danza da choiva, de Elefante Elegante, son os espectáculos máis contratados, con 11 e 10 funcións, respectivamente.
En canto á oferta para público adulto, o teatro continúa a ser o gran protagonista con 163 actuacións, ás que se suman 11 de danza, 15 de música e 3 de circo. Neste apartado, destacan entre os espectáculos máis demandados polos programadores dos espazos en rede Nacidas libres, de Contraproducións, con 13 representacións; Casa O’Rei, de Ibuprofeno Teatro, con 12; O servidor de dous amos, de Talía Teatro, tamén con 12, e Elisa e Marcela, de A Panadaría, con 11.
Xunto coa Rede Galega de Salas, a Rede Galega de Música ao Vivo e Cultura no Camiño (os outros tres circuítos de distribución de espectáculos xestionados pola Axencia Galega das Industrias Culturais), a Rede Galega de Teatros e Auditorios busca garantir a estabilidade na programación escénica e musical de produción galega, ao tempo que lles achega aos espectadores unha oferta ampla, plural e aberta, tanto no que se refire aos seus contidos como á súa descentralización xeográfica.
Preto de 18.000 butacas
De feito, neste semestre despregará a súa carteleira en 42 escenarios, que poñen a disposición do público preto de 18.000 butacas en 37 localidades: A Coruña, A Estrada, Ames, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Burela, Cambados, Cangas de Morrazo, Carballo, Cedeira, Cee, Ferrol, Foz, Lalín, Lugo, Monforte de Lemos, Muros, Narón, Noia, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Oleiros, Ortigueira, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Sada, Santiago de Compostela, Tui, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo e Viveiro.
Esta programación pode consultarse na axenda da web de Cultura da Xunta (www.cultura.gal/axenda) e na da Agadic (www.agadic.gal/Axenda).
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.