Opinión por Xurxo Rodríguez | A Roda

Publicado por o día 12/06/2018 na sección de Opinión,Opinión de Xurxo Rodríguez

Opinión por Xurxo Rodríguez | A Roda

Na altura polos setenta era rutina o caermos polos bares e tascas á tardiña e mesturar os cheiros e sabores dos viños coas notas do canto. Era a chamada canción de taberna.

O feito de criarme nunha rúa de bares polos sesenta, até vivir nun segundo enriba dun bar, permitiu que os meus soños infantís fosen arrolados polos cantos de ida e volta, as rumbas e habaneras, e algunhas outras cancións traídas do repertorio das corais en lingua galega, así negra sombra que me asombras, unha noite na eira do trigo, ou vivir en Vigo que bonito é, a bela lola e así ía encadeándose un repertorio que xa me resultaba familiar.

Eran voces de mariñeiras e xentes da coia que traían a súa lote ou quiñón a venda na madrugada ou mediante trato deixábano a cambio de que lles cociñasen as súas racións con viño incluído.

O acompañamento instrumental era unha improvisada percusión que aportaba a base rítmica e se seica o queixume ou plañido dunha harmónica que arrastraba as súas notas no alto da madrugada, con aires de blues á galega, como a caldeirada que lles preparaban.

Desas métricas, modos, xeitos e gustos herdou A Roda, grupo de canto incubado nese útero tabernario, impulsado polos irmáns Suso e Luís Vaamonde, que o levaron aos estudos de gravación e aos escenarios, proxectándoo aos mundos transatlánticos da emigración.

Os seus cuarteis de inverno foron “A Viuda”, á cal dedicaron unha canción, e “As Chavolas”.

Dos seus primeiros integrantes recordo aos irmáns Fito e Luís, aos Pitucos, Cabaleiro, Manolo Piña, Ricardo e por suposto ao anteriormente citado Luís Vaamonde, alma do grupo xunto á voz inusualmente grave de Fito, que chegou a aportar a definición d`A Roda, o seu carácter máis permanente.

O pasado domingo na Brincadeira de Bouzas facía recordo destes fragmentos de memoria en compañía do meu amigo Senén Vaamonde, o máis novo dos irmáns.

Hoxe, unha Roda remocicada, da man de Alfredo, fillo de Fito, ameniza os seráns galegos.

Longa vida A Roda!.

Xurxo Rodriguez Pérez é activista social e membro da asociación A.C.G. NOFU

(Asociación Cidadá Galega NO OLLO DO FURACÁN). Tamén ten colaborado con diversas emisoras de radio como xornalista e analista político. Publica artigos de opinión sobre temática diversa no seu popular blog Distopías 18