Os centros singulares de investigación continúan desvelando os seus segredos

Cinbio e CIM comezan esta semana coas súas actividades
Publicado por o día 25/11/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Os centros singulares de investigación continúan desvelando os seus segredos

atlanTTic foi o máis madrugador, pero nas últimas semanas de novembro e as primeiras de decembro, os catro centros singulares de investigación da Universidade de Vigo irán pouco a pouco abrindo as súas portas para que a cidadanía coñeza os segredos que agochan os seus laboratorios, os experimentos que desenvolven e os proxectos innovadores nos que traballa o seu persoal.

As actividades enmárcanse no programa Divulgando Ciencia Singular, financiado pola Secretaría Xeral de Universidades, que ten como finalidade dar a coñecer a actividade investigadora e a importancia que esta ten para a sociedade en xeral. A próxima cita será este venres 28 e sábado 29, cando o Centro de Investigacións Biomédicas e o Centro de Investigación Mariña celebren as súas xornadas de portas abertas, con talleres, visitas guiadas, experimentos, etc. Queda por concretar a data e o programa de actividades do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx).

Paseo en barco, obradoiros e visitas guiadas en Toralla para coñecer o CIM

As actividades do CIM dentro do programa Divulgando Ciencia Singular estaban previstas para esta pasada fin de semana pero, por mor das condicións climatolóxicas, trasladáronse para o próximo venres e sábado, 29 e 30 de novembro. As súas xornadas de portas abertas comprenden tres actividades diferentes: Embárcate co CIMCoñece o CIM en Toralla e Coñece o CIM no Campus, todas elas de balde pero con prazas limitadas, polo que é necesario facer inscrición previa a través da web cienciasingular.gal.

O programa arrancará o venres con visitas guiadas ás instalacións na illa de Toralla e, por primeira vez, na torre Cacti do campus universitario. Así, na Ecimat as persoas participantes visitarán por exemplo o peirao, os laboratorios húmidos e secos, as cámaras de cultivo de fitoplancto e zooplancto, a sala de maquinaria, etc. As persoas que opten pola visita ao campus percorrerán os laboratorios de catro grupos de investigación que desenvolven o seu labor na torre Cacti. Para as visitas ao campus habilitarase un servizo de autobús gratuíto con saída dende praza de América e praza de España de Vigo. Estas dúas actividades estarán divididas en tres quendas cada unha ás 12.00, 15.30 e 17.00 h.

O sábado 30 o CIM invita á sociedade a un percorrido en barco entre o peirao de A Laxe e a illa de Toralla, na que as persoas participantes poderán descubrir interesantes curiosidades sobre a ría de Vigo e ver funcionando un robot subacuático. Xa na illa, realizarán unha visita pola Ecimat guiada por investigadores e especialistas en divulgación mariña e realizarán unha actividade interactiva de laboratorio antes de regresar ao barco. Para esta actividade haberá dispoñibles tres grupos con saída ás 09.00, 12.15 e 15.30 h desde o peirao de A Laxe.

O Cinbio dáse a coñecer en Ourense e Vigo

O Centro de Investigacións Biomédicas apostou por darse a coñecer tanto en Vigo, onde se localizan as súas instalacións, como na cidade de Ourense. A primeira das actividades tivo lugar este pasado venres coa instalación dunha carpa na rúa do Paseo, en Ourense, que dará paso este venres 29 de novembro a unha serie de actividades relacionadas coa bioinformática e os produtos bioactivos no edificio Politécnico de Ourense de 16.30 h a 19.00 horas. As persoas que asistan poderán participar en obradoiros sobre a intelixencia artificial no ámbito sanitario e sobre o papel das biomoléculas activas no día a día, por exemplo, os antioxidantes ou os biopolímeos.

Esta semana arrancan tamén as actividades en Vigo, coa instalación nas galerías Porta Príncipe dun posto informativo que se poderá visitar o xoves de 16.00 h a 20.00 h. Esta acción completarase cunha xornada de portas abertas nas instalacións de Cinbio o xoves 5 de decembro de 16.30 a 19.20 horas nas que as e os asistentes poderán participar en tres actividades diferentes: Mergúllate no cancro e se quen de extraer o ADN; O GPS do teu cerebro e CO2 o yin e o yang do noso ecosistema.

150 persoas na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación para descubrir atlanTTic

O centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, foi o primeiro en desenvolver as súas actividades dentro de Divulgando Ciencia Singular acadando moi boa resposta entre a cidadanía. O pasado día 15 máis de 150 persoas se achegaron ata as instalacións do centro na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación para participar nunha ducia de obradoiros e experimentos a través dos que coñecer en detalle novas tecnoloxías da comunicación e a súa aplicación á vida cotiá.

Entre outros temas, as persoas participantes puideron descubrir, coñecer e probar de primeira man ferramentas como as como apps de acompañamento a persoas maiores ou de detección precoz do alzhéimer, as impresoras 3D, os nanosatélites, o recoñecemento facial, as ferramentas de detección de manipulación en imaxes ou o uso do radar e a xeolocalización para loitar contra os incendios, entre outras. Un “balance moi positivo” desta xornada que “volve reflectir o interese da cidadanía por todo o traballo que estamos a desenvolver en atlanTTic, onde abordamos numerosos retos da sociedade con tecnoloxías de telecomunicación en ámbitos como a saúde, o medio ambiente ou a seguridade nas comunicacións. Actividades como estas permítenos facer chegar este traballo á sociedade, que saiba que se fai investigación de calidade cerca, nos centros da Universidade de Vigo, en moitos casos con xente moza e moi motivada”, salienta Carlos Mosquera, director do centro de investigación. Grande éxito acadaron tamén as visitas guiadas laboratorio de seguimento de satélites que complementaban a actividade e que esgotaron todas as prazas dispoñibles en pouco tempo.