Paco Nogueiras e Marc Taeger presentan ‘EXTRA!’ este venres en Vigo

Publicado por o día 09/12/2020 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

Paco Nogueiras e Marc Taeger presentan ‘EXTRA!’ este venres en Vigo

O músico Paco Nogueiras e o artista plástico Marc Taeger visitarán este venres LIBROS PARA SOÑAR (Triunfo nº1, Vigo) para presentar «Extra!», un novo libro-disco publicado por KALANDRAKA cunha ducia de cancións nas que a prensa escrita é o fío condutor. Dispostas como as noticias das distintas seccións -actualidade nacional e internacional, sucesos, cultura, deportes…- dun xornal, Paco Nogueiras é o compositor e intérprete dos temas, ilustrados por Marc Taeger. Os autores participarán en dous encontros, ás 17:30 e ás 18:30 horas, para público adulto: docentes, mediadores, persoal de bibliotecas… son os destinatarios destas sesións especiais, con aforo reducido e protocolos sanitarios, nas que tamén asinarán exemplares. Cómpre inscrición previa no enderezo de correo electrónico lps@kalandraka.com.

Porque a prensa é un valioso recurso na escola e no fogar para animar á escrita, á plástica creativa, para desenvolver habilidades lectoras, a curiosidade e a imaxinación, mais tamén para dinamizar a socialización, o traballo en equipo e adquirir habilidades tecnolóxicas… este libro-disco destaca pola versatilidade e o carácter lúdico. Acompáñase dun mini-xornal con información e pasatempos.

Fiel á frescura do seu estilo e á súa conexión co público infantil, Paco Nogueiras coida as letras das composicións e as melodías, que destacan polos ritmos modernos, pegadizos e bailables, invitando á participación do público. Pola súa banda, Marc Taeger desdobra a figura de Paco Nogueiras en numerosas e divertidas facetas cheas de colorido, dinamismo e expresividade. Sempre cos seus característicos lentes e co inseparable chapeu azul, o protagonista convértese en repartidor e lector de periódicos, nun entusiasta cronista do mundo, ao ritmo da música.

«Extra!» é o terceiro libro-disco de Paco Nogueiras despois de «Radio Bulebule» e «Brinca vai!» (III Premio Martín Códax da Música na categoría infantil) que, deron pé a centos de actuacións por toda Galicia. Como nos traballos precedentes, «Extra!» tamén conta co apoio dos videoclips dirixidos por José Miguel Sagüillo.