Ponte Caldelas suxírelle un Plan Concellos a Núñez Feijoo para mellorar a transparencia do financiamento municipal

O alcalde solicita unha entrevista co presidente galego para falar da PO-234, a Casa da Quintán, a Central de Transportes e o colexio da Reigosa
Publicado por o día 10/09/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Ponte Caldelas suxírelle un Plan Concellos a Núñez Feijoo para mellorar a transparencia do financiamento municipal

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, vén de solicitar unha entrevista formal co presidente da Xunta de Galicia, con motivo do comezo do novo curso político autonómico, aos efectos de abordar cuestións locais, pero tamén para defender a necesidade de que a Xunta de Galicia poña en marcha un novo xeito de distribuír fondos entre os concellos de menos de 20.000 habitantes, na liña do Plan Concellos da Deputación Provincial de Pontevedra.

Nunha carta, encabezada co saúdo protocolario e un “amigo Alberto”, o alcalde caldelán subliña que, é necesario un cambio de modelo que faculte a todos os alcaldes e alcaldesas de Galicia, con independencia da súa cor política, para determinar os usos finalistas dos cartos do financiamento autonómico no marco duns criterios básicos.

Indo máis alá do texto da carta formal, Andrés Díaz subliña que hai un sentir xenérico de malestar no municipalismo galego pola escasa transparencia e igualdade no reparto dos fondos que a Xunta de Galicia destina aos Concellos. Un reparto minifundista e caótico que se traduce nun gran número de convocatorias de subvencións, moitas sen sequera concorrencia competitiva e moitos  cartos repartidos en convenios “a dedo”.

O Goberno caldelán (gobernado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG) suxírelle a Alberto Núñez Feijoo unha aposta clara polo municipalismo do século XXI poñendo en marcha un Plan Concellos da Xunta, no que os municipios de menos de 20.000 habitantes pasarían a dispor dunha cantidade fixa anual, cun xeito máis moderno e eficaz de colaboración institucional.

A carta a Alberto Núñez Feijoo céntrase tamén en temas locais de Ponte Caldelas e comeza por volver a reclamar o acondicionamento da PO-234nos dous tramos que faltan por executar neste termo municipal, incluíndo as curvas de Laxoso, probablemente un dos sectores máis perigosos da rede autonómica de estradas. Ponte Caldelas chegou a ofertar un “convenio inverso” polo que sería o Concello quen achegaría fondos (40.000 euros) converténdose así no primeiro municipio español en cofinanciar a obra ordinaria dunha estrada autonómica.

A carta continúa solicitando a apertura inmediata da Casa da Quintán para dedicar o  edificio a usos sociosanitarios (preferentemente residencia de anciáns, dado o importante déficit de prazas neste eido). O inmoble foi restaurado pola Xunta hai 10 anos cun investimento de medio millón de euros e constitúe a única dotación pública nova destas características que non chegou a ser inaugurada en Galicia.

O bloqueo urbanístico á Central de Transportes, un espazo de 87.000 metros cadrados no polígono industrial da Reigosa, no que o Concello vese impedido a dar licenzas de construción pola negativa do Instituto Galego da Vivenda e Solo a aprobar un regulamento urbanístico é o seguinte asunto. Xa se deu o caso de “fuga” dunha empresa a Barro e seguen a perderse oportunidades e postos de traballo por unha traba burocrática do IGVS.

A carta conclúe co abandono do colexio da Reigosa por parte da Consellería de Educación. Un centro situado a carón dos polígonos da Reigosa e do Campiño, no que este departamento négase a construír un comedor escolar que amplíe o seu horario e un ximnasio que mellore as instalacións. O Concello, diante da Consellería a cofinanciar as obras ao 50%, chegou a ofrecerse para acometelas en solitario.