Preto de 11.000 persoas participaron o curso pasado nas actividades da Área de Benestar, Saúde e Deporte

O cuestionario de aptitude para o exercicio foi realizado por máis de 4500 usuarios
Publicado por o día 30/09/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Preto de 11.000 persoas participaron o curso pasado nas actividades da Área de Benestar, Saúde e Deporte

Instalacións punteiras nos tres campus e un amplo abano de actividades, tanto periódicas como puntuais, fan que a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade adoite estar todos os anos por riba dos 10.000 usuarios e usuarias. No curso pasado (2018-2019) foron preto de 11.000 as persoas da comunidade universitaria e da sociedade en xeral as que nalgún momento empregaron estas instalacións ou participaron nalgún programa deportivo ou de saúde.

Para fomentar a implicación e a práctica dalgún tipo de actividade física, a área deseñou unha oferta de abonos que comprende un simple, que dá acceso aos vestiarios e pista de atletismo e o abono Muver, que permite o uso das salas cardio-fitness, as pistas de tenis e atletismo, múltiples actividades dirixidas e descontos en iniciativas que organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte, como as Escolas Deportivas e as actividades no medio natural. En total, no curso pasado houbo 2423 persoas abonadas, 648 en Vigo, 644 en Pontevedra e 1131 en Ourense. O número de abonados e abonadas é case igual nos campus de Ourense e Pontevedra, pero non no de Vigo, onde os abonos de homes duplica aos de mulleres.

Outro dos servizos que mellor acollida tivo ao longo do pasado curso foron as Unidades de Saúde dos tres campus. De feito, un total de 4583 persoas realizaron o cuestionario de aptitude para o exercicio e realizáronse 294 consultas médicas, incluíndo recomendacións dietéticas, atropometría, revisións médico-deportivas básicas e avanzadas e consultas informativas, sendo 136 feitas por mulleres e 158 por homes. Por outra banda, na unidade de fisioterapia realizáronse 410 consultas (45% mulleres e 55% homes), das cales en Vigo se realizaron 136, 129 en Pontevedra e 145 en Ourense.

As rutas culturais, o máis demandado das actividades na contorna natural

Unha das apostas fortes da Área de Benestar, Saúde e Deporte son as actividades ao aire libre. Entre as que mellor acollida teñen ano tras ano están os Roteiros Culturais, un programa de sendeirismo que cada fin de semana descobre recunchos de Galicia e o norte de Portugal, no que no pasado curso participaron 732 persoas (433 mulleres e 299 homes).

Outra opción para practicar deporte na contorna natural é Augaventura, unha iniciativa que se centra en modalidades acuáticas como flyboard, paddlesurf, descenso de rápidos, surf, wakeboard, windsurf ou mergullo. Conta con dúas edicións anuais, en outono e primavera. Entre ambas, no pasado curso participaron 301 persoas (129 mulleres e 172 homes). Tamén o programa de tempo libre Delecer ofrece a oportunidade de practicar deportes na contorna natural como pontismo ou parapente, unha opción que elixiron no pasado curos 40 persoas (23 homes e 17 mulleres).

Escolas deportivas e competicións

As e os que prefiren coñecer ou perfeccionar dalgún deporte, sexa individual ou colectivo, teñen a opción de escolas deportivas ou das competicións como as ligas universitarias. No primeiro dos casos, os tres campus organizaron cursos, entre outras modalidades, de ioga, natación, rugby, tenis ou xadrez, nos que tomaron parte 363 persoas. Para quen prefira optar polo deporte de competición, pode participar nas ligas universitarias e competicións internas (baloncesto, balonmán, fútbol sala, fútbol 7, rugby e voleibol mixto). No pasado curso inscribíronse nas ligas internas 107 equipos dos tres campus, o que supón 1149 deportistas, sendo a maioría do campus de Vigo, onde competiron 772 persoas repartidas en 71 equipos. Estas ligas dan acceso tamén a competicións intercampus, interuniversitarias, aos Campionatos de España Universitarios e mesmo a citas Internacionais.

Finalmente, a Universidade conta tamén con seccións federadas propias ou clubs vencellados de deportes como baloncesto, carreiras de orientación, carreiras populares e tenis. En total, expedíronse 806 licenzas repartidas en catro clubs de Ourense, un de Pontevedra e catro de Vigo.

Participación feminina

Atendendo aos datos segundo o xénero, pódese apreciar que a porcentaxe de participación feminina mellorou lixeiramente respecto do curso anterior, tanto no total de persoas usuarias, número de abonos ou programas de adestramento supervisado. Non obstante, a participación en competicións descendeu, así como a asistencia ás instalacións propias, que levaban unha evolución positiva nos últimos anos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.