O proxeto europeo Safeway, liderado pola Universidade de Vigo e financiado con 4,5 millóns de euros, busca a creación dunha rede europea de estradas e infraestruturas ferroviarias máis seguras. Posto en marcha hai apenas un ano –está no mes 14 dun total de 42 de duración estimada-, o equipo responsable deste traballo reuniuse recentemente nas instalacións dun dos socios do proxecto, o Instituto Xeotécnico Noruego (Oslo), para pór sobre a mesa os avances acadados e definir a folla de ruta para os vindeiros meses. Como principais avances conseguidos neste primeiro ano de traballo destacouse que lograron mapear os eventos extremos máis recorrentes de carácter anual para o continente europeo e, xunto con isto, definiron as principais metodoloxías para estimar o risco e cuantificar a vulnerabilidade das principais infraestruturas a eventos extremos, tanto naturais como aqueles provocados pola acción humana.
“Primeiro fíxose unha análise dos inventarios, bases de datos e mapas GIS, dispoñibles tanto para o continente europeo, como específicos dos catro países nos que se levarán a cabo probas piloto do proxecto: Portugal, España, Reino Unido e Holanda”, explica Belén Riveiro, coordinadora do proxecto xunto a Pedro Arias, investigadores ambos do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo. Nesta liña, os eventos con maior impacto identificados polos xestores das infraestruturas involucrados no proxecto foron: inundacións, incendios forestais, mapas de risco de vento e temperatura, corrementos de terra e terremotos. “Esta información cruzouse con mapas de clima actual e previsións futuras e isto permitiunos crear mapas dinámicos para as zonas de estudo do proxecto”, engadiu a coordinadora do proxecto.
Tecnoloxías para monitorear as infraestruturas a grande escala
Integrado por un consorcio de 15 socios de sete países, Safeway ten como principal obxectivo crear un sistema europeo de xestión de infraestruturas capaz de deseñar, validar e establecer métodos, estratexias, ferramentas e intervencións técnicas para aumentar de xeito significativo a resistencia e a seguridade da rede de estradas e de infraestruturas ferroviarias ante circunstancias adversas ou eventos extremos.
Ao longo deste ano, o equipo responsable do proxecto comezou xa a traballar nas tecnoloxías e métodos que permitirán monitorear as infraestruturas de transporte terrestre a grande escala, con gran resolución espacial e temporal, grazas aos métodos innovadores que empregaron e que integran teledetección, satelital e terrestre, xunto con datos extraídos de vehículos conectados.
“Na reunión que mantivemos en Oslo, ademais de presentar os primeiros resultados do proxecto, tivemos tamén diferentes sesións plenarias para discutir a estratexia global do proxecto, así como os escenarios nos que se van validar as ferramentas e metodoloxías desenvolvidas”, explica Riveiro, ao que engade que no vindeiro ano se continuará a traballar nas distintas metodoloxías empregadas para o monitoreo das infraestruturas e na integración da información extraída no sistema de toma de decisións, así como na definición da plataforma Safeway e nos servizos que levará integrados.
Probas piloto a partir de 2021
As primeiras probas piloto do proxecto non se realizarán ata a última fase do proxecto –anos 2021 e 2022-. A previsión é realizar un total de catro, distribuídas entre: Portugal, centradas en cuestións relacionadas con incendios forestais e inundacións; España, en sismos e inundacións; Reino Unido, en inundacións e falla de noiros; e Holanda, concretamente no porto de Rotterdam, un enclave emblemático polo seu carácter intermodal, xa que ademais de estradas e tren, conta tamén cunha importante rede de transporte marítimo.
Que partes do proxecto se están levando a cabo desde Vigo?
A Universidade de Vigo conta con tres grupos de investigación implicados neste proxecto. Por unha banda, o Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas é o encargado de desenvolver novos métodos de monitoreo de infraestruturas a partir de teledetección e vehículos conectados; o Grupo de Tecnoloxía Enerxética traballa, pola súa banda, na definición dunha metodoloxía que permite mellorar a precisión de certas variables meteorolóxicas que teñen un papel fundamental no comportamento e severidade de certos eventos extremos, e o grupo Encomat, de Enxeñaría de corrosión e materiais, investiga en novos materias máis resistentes estruturalmente e con capacidade de autoreparación.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.