Rescatado o corpo sen vida dun pescador que caeu nunha zona de difícil acceso na Illa de Arousa

Publicado por o día 30/05/2020 na sección de Sucesos

Rescatado o corpo sen vida dun pescador que caeu nunha zona de difícil acceso na Illa de Arousa

Segundo rescate dun pescador en Galicia en menos de 24 horas. Despois do varón que tivo que ser axudado polos bombeiros en Chantada na pasada noite, ás 09:30 horas da mañá de hoxe, outro operativo foi posto en marcha para rescatar un pescador que caeu nunha zona rochosa no lugar de Campelo, na Illa de Arousa.

Desafortunadamente, nesta oportunidade, malia os esforzos dos equipos de intervención, soamente se puido confirmar o seu falecemento.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ao recibir a chamada de alerta dos servizos sanitarios. De acordo coa información facilitada aos xestores do 112, o home caera nunha zona de difícil acceso mentres pescaba e era necesaria a colaboración dun equipo de rescate que puidese acceder ao punto onde se produciu o incidente.

De inmediato desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia avisouse aos Bombeiros de Vilagarcía e de Ribadumia, aos equipos de Salvamento Marítimo e Gardacostas de Galicia e tamén aos axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Tras rematar as labores de rescate, os efectivos de emerxencia que acudiron ao lugar dos feitos confirmaron que nada se puido facer por salvarlle a vida. As forzas da orde tratan de aclarar as circunstancias que rodearon este suceso, aínda que sospeitan que puido tratarse dunha caída accidental.