Simón Rego Vilar toma posesión como conselleiro do Consello de Contas no Parlamento de Galicia

O presidente do Parlamento pon en valor o acordo unánime da Cámara para elixir ao novo integrante do Consello de Contas e lembra que “con boa vontade, o consenso é posible, ademais de sempre necesario”
Publicado por o día 18/01/2021 na sección de Galicia

Simón Rego Vilar toma posesión como conselleiro do Consello de Contas no Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá o acto de toma de posesión de Simón Rego Vilar como conselleiro do Consello de Contas de Galicia, en substitución de Beatriz Rodríguez Fraga, que exerceu esa responsabilidade desde marzo de 2016 ata o seu falecemento en agosto de 2019.

Rego Vilar foi elixido por unanimidade no derradeiro Pleno da Cámara de 2020, un feito que o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, considerou “reconfortante” por acreditar que “con boa vontade, o consenso é posible, ademais de sempre necesario”.

Concordia e entendemento

Santalices Vieira agradeceu a “mensaxe de concordia e o exercicio de entendemento” das deputadas e deputados da Cámara, confiando en que este xeito de proceder “se repita moitas veces” no curto e medio prazo. Contrapuxo esta actitude coa “bronca e o enfrontamento permanente que semellan enraizadas en boa parte dos escenarios políticos”.

Antes da súa elección polo Pleno da Cámara Rego Villar compareceu ante a Comisión 1ª, Institucional, de Administración xeral, e Servizos do Parlamento de Galicia.

Unha “singradura venturosa”

Na súa intervención, o presidente do Parlamento de Galicia  desexou unha “singradura venturosa” a Rego Villar como conselleiro do Consello de Contas, convencido de que “traballo non lle vai faltar” no órgano que ten encomendada a fiscalización externa da xestión económica, financeira e contable do sector público autonómico, ademais do asesoramento específico ao Parlamento e as competencias de prevención da corrupción, segundo unha reforma lexislativa  de 2015 que tamén reforzou a independencia deste órgano.

O titular da Cámara galega amosouse convencido de que “canto máis sólidos sexan os mecanismos de control da xestión pública, maior será a solidez da nosa democracia e menor a desconfianza social respecto ás institucións”.

Felicitouse Santalices pola decisión adoptada no seu momento polo Lexislativo galego, cando “reforzou as competencias e a independencia do Consello de Contas de Galicia, nun contexto no que mesmo se animaba a reducir ou mesmo eliminar órganos análogos”.

Necesidade de centrarse na reconstrución

A xuízo do presidente do Parlamento de Galicia “reforzar o control, verificar a legalidade de todos os procedementos e arbitrar medidas que preveñan comportamentos sempre rexeitables, como os relacionados coa corrupción en todas as súas formas, son sempre benvidos e necesarios para, dunha vez por todas,  poder pasar páxina respecto a feitos pouco edificantes do pasado e centrarnos, cada un desde as responsabilidades que ten encomendadas, na reconstrución económica, social e sanitaria que temos por diante”.

Acto foi presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e contou coa asistencia de integrantes da Mesa do Parlamento, portavoces parlamentarios, deputados/as, así como o conselleiro maior e conselleiros do Consello de Contas de Galicia entre outros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.