Somos Terra, unha consultoría ambiental para “fomentar a sostenibilidade do territorio”

Durante un ano recibirán mentorización e formación e unha oficina en Porto do Molle
Publicado por o día 12/11/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Somos Terra, unha consultoría ambiental para “fomentar a sostenibilidade do territorio”

Cando hai dous anos as biólogas Raquel Gómez e Eva López uniron os seus camiños preocupadas pola emerxencia climática e o futuro do planeta, pouco podían pensar que o seu compromiso podía converterse tamén nunha opción profesional con futuro. Pero así foi, e tras ser unha as iniciativas emprendedoras seleccionadas o ano pasado na convocatoria Incuvi-Emprende agora, a cooperativa Somos Terra é o proxecto gañador de Incuvi-Avanza deste ano no campus de Vigo.

O obxectivo é que as persoas emprendedoras poidan consolidar as súas propostas empresariais e para iso reciben durante un ano mentorización, unha achega económica de 3000 euros e un espazo de traballo no Parque Empresarial de Porto do Molle. As dúas impulsoras de Somos Terra valoran moi positivamente esta oportunidade, “que nos favorece moitísimo, xa que o ano que se nos presenta está cargado de retos e decisións importantes nos que o asesoramento profesional será moi pertinente”. Valoran tamén a idoneidade do espazo de traballo, “realmente práctico, xa que vivimos preto” e agardan que lles permita establecer colaboracións coas empresas que forman parte do parque empresarial. Ademais, seguirán contando co asesoramento de Blubusiness, que xa tiveron na etapa en Incuvi-Emprende.

Un proxecto de futuro que nace da necesidade de facer algo polo planeta

Raquel Gómez e Eva López recoñecen que “a alarmante situación de emerxencia climática trae consigo abundantes montañas de tristeza e frustración”, pero son precisamente eses sentimentos os que as fixeron poñerse mans á obra para recuperar a esperanza e “facer algo polo planeta”. Ese algo foi Somos Terra, constituída xa como sociedade cooperativa galega xuvenil.

En xaneiro de 2018 presentáronse á convocatoria Incuvi-Emprende da preincubadora de negocios da Universidade de Vigo e, co proxecto para a creación dun negocio sostible, resultaron gañadoras. “Así comezou a viaxe de ser emprendedoras, esa viaxe na que continuamos inmersas con absoluta paixón”, explican. Tras esta primeira etapa, en xaneiro de 2019 tiveron a oportunidade de participar no ES-Conecta, unha aceleradora de economía social dentro do Programa de Cooperación Interrexional Poctep-Laces, e agora embárcanse nun novo camiño en Incuvi-Avanza.

O obxectivo primordial da cooperativa é “fomentar a sostenibilidade no territorio”, centrando a súa a actividade profesional en educar, sensibilizar e implicar aos diferentes axentes da sociedade co obxectivo común de incrementar o compromiso ambiental no seu ámbito de actuación”, explican ambas biólogas. Para iso, ofrecen por unha banda servizos de formación en sostenibilidade, como cursos, xornadas ou programas educativos e, por outra, asesoramento en desenvolvemento sostible, coa elaboración de proxectos, plans de acción, etc. Estes servizos son ofertados a centros educativos, institucións públicas, universidades e colectivos sociais que teñan interese en mellorar o seu compromiso ambiental. De feito, están xa dende mediados de outubro coordinando o Plan de Formación e Voluntariado sobre a Axenda 2030 e impartindo un curso el liña formativo titulado Axenda 2030. Axentes do cambio.

Tamén ofrecen servizos de divulgación científica, como elas mesmas explican, para “contribuír á transmisión de coñecemento á sociedade e promover a adaptación local para facer fronte aos inminentes escenarios de incerteza climática e cambio global”. Tamén contan cunha plataforma virtual a través da cal crearán canles de comunicación entre os diferentes colectivos sociais nos que a sostibilidade é a medula espiñal. Na mesma modalidade en liña “tamén ofertaremos formación e asesoramento no eido da sostibilidade e deste xeito traballaremos por xerminar a cooperativa SomosTerra, que aspira a ser unha semente crecente que contribúa ao cambio que precisamos como sociedade”.

De momento, xa comezaron a traballar e, ademais do Plan de Formación e Voluntariado sobre a Axenda 2030, están deseñando material divulgativo sobre consumo responsable, pegada ecolóxica, xestión de residuos ou conservación da biodiversidade. A isto súmase e elaboración de proxectos concretos de actuación a nivel local, como o asesoramento a un centro educativo para reducir a súa pegada de carbono mediante a implicación de toda a comunidade educativa.

Valoración positiva da etapa en Incuvi-Emprende

Antes de chegar a este punto, Raquel e Eva pasaron un ano na pre-incubadora de negocios da Universidade como proxecto seleccionado da convocatoria Incuvi-Emprende. Durante esa etapa, na que puideron dispoñer dun local e infraestruturas de traballo, tamén recibiron formación e un servizo de consultoría de BluBusiness. “Esta mentorización foi clave para consolidar o modelo de negocio de SomosTerra, pero ademais, foi imprescindible para non abandonar o proxecto nos momentos máis difíciles”, recoñecen, por iso valoran moito poder seguir contando do apoio de BluBusiness ao longo dos próximos meses.

Comentar noticia

Your email address will not be published.