Tomiño realiza unha enquisa de satisfacción entre os usuarios da aula de estudo

A iniciativa pretende servir para coñocer a súa opinión sobre as instalacións e detectar os aspectos que se poden mellorar
Publicado por o día 14/01/2021 na sección de Galicia,Tomiño

Xa pasaron case dous meses desde a inauguración da Aula de Estudo de Tomiño, que conta xa con máis de 160 persoas rexistradas, a cal está sendo moi empregada durante as últimas semanas especialmente polo alumnado universitario que está preparando os exames de xaneiro.

O Concello quixo aproveitar esta situación para realizar unha enquisa de satisfacción entre as persoas usuarias para coñecer cal é a súa opinión sobre as instalacións e cales son os aspectos que se poderían mellorar nun futuro.

Na enquisa, os usuarios poderán amosar o seu grao de satisfacción xeral coas instalacións, ademais de seren preguntados tamén por aspectos concretos como a temperatura ambiental, o nivel de ruído, os horarios, a iluminación ou a seguridade e separación entre as prazas, entre outras. Tamén haberá un apartado para que valoren aspectos deberían ser mellorados ou para a demanda de novos servizos nas instalacións.

A enquisa xa está dispoñible no apartado “Aula de Estudo” da web do Concello de Tomiño e poderá cubrirse durante as vindeiras semanas.