Dende o 6 de agosto de 1920, data do Decreto de creación da Escola de Comercio de Vigo coa categoría de Escola Pericial, transcorreron ata hoxe 100 anos e seis meses nos que o centro foi quen de xogar un papel fundamental na formación dos e das integrantes dos cadros empresariais da cidade de Vigo, en particular, e de Galicia en xeral. Aínda que as xestións emprendidas polo Concello de Vigo, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación e outros organismos e institucións para dar resposta á crecente demanda das empresas no campo da formación do seu persoal no ámbito empresarial, comezaran xa no ano 1857, non foi ata mediados do ano 1920 cando S.A.R Alfonso XIII asina o decreto polo que se creaba a Escola de Comercio, na que se comezou a impartir o Grao de Peritaxe Mercantil.
Nomeado en novembro dese ano como director do centro o catedrático de contabilidade José Benítez Galán, a escola celebrou o 15 de xaneiro de 1921 o seu primeiro claustro, no que se acordaba o inicio das clases do curso 1920-1921, con 70 estudantes matriculados, dous días máis tarde. Precisamente no día no que se cumprirán 100 anos exactos da celebración dese primeiro claustro, o 15 de xaneiro de 2021, a agora, recentemente renomeada como Facultade de Comercio, celebrará unha sesión conmemorativa coa que se dará inicio aos actos de celebración do centenario do centro. “O acto vai ser presidido polo reitor, xunto coa directora e o alcalde e consistirá nunha lectura da acta do claustro constituínte da Escola de Comercio, celebrado o día 15 de xaneiro de 1921, por parte da Secretaria, María Jesús Barsanti Vigo e as intervencións do catedrático emérito Antonio Vaamonde Liste, como voceiro do profesorado e persoal do centro, e o estudante máis novo en representación do alumnado”, detalla a subdirectora de Relacións Internacionais e Intercambios, Araceli González Crespán. Este inicio dos actos de celebración do primeiro século de existencia da facultade, que ademais de ser presencial cun aforo reducido, será retransmitido telematicamente, continuará o mesmo día no exterior do centro, onde se situará una pancarta conmemorativa do centenario na torre da Escola e se instalará unha placa de bronce no acceso, que distingue ao edificio histórico como emblema da arquitectura racionalista da cidade.
Logo deste primeiro evento conmemorativo e ao longo dos vindeiros meses, a dirección do centro programou diversas exposicións de documentación histórica e de publicacións salientables de membros da facultade; un concurso de fotografía; xornadas con conferenciantes e mesas redondas; actividades organizadas polo alumnado e pola asociación Mercurio; así como sesións de portas abertas e celebracións con distintas promocións de alumnado que xa pasou pola Escola e co profesorado e persoal actual e antigo.
Historia viva da cidade e parte integral da UVigo
Con 500 estudantes matriculados nas tres titulacións (un grao e dous mestrados) que oferta este curso 20/21, a Facultade de Comercio enfronta este centenario “con moito orgullo, porque somos parte integral da Universidade de Vigo e ademais somos historia viva da cidade. Non nos podemos esquecer que o centro existe grazas á insistencia da corporación municipal, o tecido industrial e empresarial, as forzas políticas que trasladaron a petición ás instancias ministeriais e a cidadanía dun Vigo con moito pulo que xa albiscaba converterse no motor económico de Galiza”, detalla a subdirectora de Relacións Internacionais e Intercambios.
A creación no curso1920/21 da Escola Pericial e a súa posterior transformación a Escola Profesional de Comercio e a integración no sistema universitario coa Escola Universitaria de Estudos Empresariais ; a implantación de titulacións como a Diplomatura en Ciencias Empresarias , o Grao en Comercio e os mestrados de Comercio Internacional e de Dirección de PEMES, son, xunto “á nosa capacidade de adaptarnos á realidade e integrar a demandas profesionais”, os fitos máis destacados na historia do centro para Araceli González Crespán. Así mesmo, a subdirectora tamén destaca a vocación internacional da formación que se imparte e a existencia de acordos internacionais para a obtención de dobres titulacións, as visitas a empresas e a integración das TIC como ferramentas esenciais na xestión como elementos diferenciadores das titulacións “e o ADN da Escola de Empresariais”.
100 anos de historia e moitos retos de futuro
Cun Grao en Comercio único no SUG e unha oferta de posgrao “que completa a oferta formativa dun xeito coherente, o Mestrado en Comercio Internacional, por exemplo, é o título non habilitante máis demandado da Universidade de Vigo e dispón de máis prazas que algúns graos”, o centro enfronta o seu futuro con retos moi claros. Así, ademais da transformación inmediata a Facultade de Comercio, despois que os órganos de goberno da UVigo aprobasen o cambio de denominación, a mellora a oferta formativa coa inclusión dun novo mestrado en negocio dixital e a obtención do selo de calidade da nova facultade, son segundo a subdirectora, os principais obxectivos de futuro que enfronta o segundo centro da UVigo que acada os 100 anos de existencia.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.