Un consorcio europeo impulsa o proxecto IM-SAFE para actualizar o estándar de control e seguridade das infraestruturas de transporte

Para poñer ao día o Eurocódigo da construción que afecta a estradas, ferrocarrís, viadutos e túneles
Publicado por o día 11/01/2021 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Un consorcio europeo impulsa o proxecto IM-SAFE para actualizar o estándar de control e seguridade das infraestruturas de transporte

O viaduto Polcevera, tamén coñecido como ponte Morandi, en Xénova, viuse abaixo en agosto de 2018 levándose con el a vida de preto de medio cento de persoas. O seu derrubamento causou un fondo impacto en Italia tanto pola cantidade de vítimas como porque non se tiña detectado ningún tipo de problema técnico que fixera sospeitar algún risco no viaduto. “A partir de aquí, a Comisión Europea tomou cartas no asunto”, explica o catedrático Pedro Arias e, entre outras iniciativas lanzou, lanzou unha convocatoria H2020 para proxectos relacionados co liderado industrial, a fabricación e os procesos avanzados e os novos materiais. O proxecto IM-SAFE, impulsado por un consorcio de dez universidades, centros de investigación e empresas de oito países (Holanda, Noruega, España, Austria, Alemaña, Italia, Polonia e Suíza). O Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo é un do membros deste consorcio, liderado por Nederlandse Organisatie voor Toegepast Natuurwetenschappelijk Onderzoek, que ten como finalidade apoiar á Comisión Europea e ao Comité Europeo de Normalización (CEN) para actualizar o estándar de control para o mantemento e seguridade óptimos da infraestrutura de transporte baseado nunha visión completa das tendencias, desafíos, boas prácticas e desenvolvementos tecnolóxicos, incluída a integración de innovacións dixitais.

Esta iniciativa, explica Pedro Arias, investigador principal do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, ten como obxectivo “evitar calquera tipo de situación como a descrita na Ponte Morandi en calquera outra infraestrutura de transporte, aínda que as normativas do Eurocódigo tamén se aplicarán as infraestruturas de nova construción”.

Os desafíos do envellecemento e o crecemento do tráfico

A infraestrutura de transporte é moi importante na axenda estratéxica da Unión Europea e enfróntase a verdadeiros desafíos debido ao envellecemento, ao rápido crecemento das cargas de tráfico e ás ameazas de resistencia naturais e provocadas polo home. Os riscos para a seguridade volvéronse críticos nos últimos anos e manifestáronse en desastres importantes causados por fallos estruturais ou deficiencias de mantemento. Precisamente para que o mantemento sexa o óptimo, o proxecto IM-SAFE constitúe unha rede europea de expertos centros de investigación, grandes industrias, pemes e unha plataforma sen ánimo de lucro que traballa na Rede Transeuropea de Transporte e os corredores rexionais. Ademais, o consorcio colabora cos principais propietarios e operadores de activos de infraestrutura, así como con empresas de control e mantemento na procura dun estándar actualizado de control, seguridade e mantemento das infraestruturas de transporte.

O orzamento total é de 1.999.978€, dos que á Universidade de Vigo lle corresponden 209.200€. O proxecto da convocatoria Horizonte 2020 arrancou este mes de novembro e estenderase ata abril de 2023. Xunto coa UVigo e a entidade coordinadora participan Norges teknisk-naturvitenskapelige universitet, Universitaet Fuer Bodenkultur Wien; Safecertifiedstructure Ingegneria Srl; Aec 3 Deutschland Gmbh; Ferrovial Construcción; Mostostal Warszawa; Stichting Crow Kennisplatform Voor Infrastructuur Verkeer Vervoer en Openbare Ruimte e Ibm Research Gmbh.

Traballo de Vigo

O equipo de investigadores da Universidade de Vigo enfocará o seu traballo á selección das tecnoloxías mais axeitadas para a detección e diagnose preditiva dos diferentes problemas máis recorrentes ou máis importantes que afectan a estes activos. O catálogo de tecnoloxías a empregar deberá basearse principalmente en técnicas non destrutivas, nas cales o noso grupo ten ampla experiencia, e semidestrutivas. “Teremos que definir que novas solucións tecnolóxicas xa existentes no mercado, deberán empregarse en cada situación que os expertos en patoloxías de este tipo infraestruturas, consideren relevantes”, remarca Arias. A este respecto engade que non se busca a aplicación de novas tecnoloxías que se atopen en fase de investigación, “senón as que estean suficientemente maduras e contrastadas e permitan unha aplicación directa no ámbito da inspección, monitorización e control de grandes infraestruturas do transporte”.

Os resultados plasmaranse nun Eurocódigo, que son os documentos que publica a Unión Europea co ánimo de uniformizar e establecer uns mínimos comúns en todo o ámbito europeo, a través de directivas comunitarias de obrigado cumprimento polos estados membros, que se trasladan posteriormente as normativas nacionais.