Un consorcio formado por empresas e Universidade avanza na creación dunha cheminea modular electro-rexenerativa

O Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas participa tamén nun proxecto sobre tecnoloxías de refrixeración
Publicado por o día 20/11/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Un consorcio formado por empresas e Universidade avanza na creación dunha cheminea modular electro-rexenerativa

Un consorcio formado por catro empresas galegas –Dinak, Integasa, Ati Sistemas e Insega Energía- e o Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas da Universidade de Vigo acaban de presentar os últimos resultados acadados nos traballos conxuntos que están a levar para a creación dunha cheminea modular capaz de recuperar a enerxía térmica para a súa posterior conversión en enerxía eléctrica. Fixérono na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía na reunión anual de seguimento do proxecto CRM System, un traballo que arrancou en marzo de 2018 e que para a súa posta en marcha contou cunha subvención da Axencia Galega de Innovación dalgo máis de 800.000 euros – dentro da convocatoria Conecta Peme-.

Liderado pola empresa viguesa Dinak, unha das principais fabricantes de chemineas modulares a nivel europeo, o obxectivo deste proxecto é, segundo explicaron os seus responsables, o deseño e desenvolvemento dunha cheminea modular capaz de recuperar a enerxía térmica, evacuada por escape, para a súa posterior conversión en enerxía eléctrica, cuestión á que tamén engadiron a implantación de solucións 4.0 en comunicación, controlando a unidade desde o punto de vista electrónico/sensórico.

“Actualmente case non existen chemineas comerciais con sistemas de recuperación de calor e, a parte disto, o sistema que nós propomos emprega o calor recuperado para xeración de electricidade a través dun ciclo de potencia de baixa temperatura”, explicaba o investigador do grupo GTE David Patiño na reunión de lanzamento do proxecto, intre no que tamén facía fincapé en que o novo sistema será aplicable a nivel residencial e industrial, tanto no ámbito galego como no internacional.

Traballando man a man co sector empresarial

Ademais desta reunión, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía acolleu tamén a xuntanza de seguimento do proxecto Novec, no que participan tanto o Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas da UVigo como parte das empresas do consorcio CRM System. Centrado na creación dun sistema pechado de condensador evaporativo como parte dunha instalación de frío, neste caso o consorcio está liderado por Integasa, unha empresa instalada en Mos e que é referente nos ámbitos metalmecánico e de intercambio térmico, e del forman tamén parte as firmas Gipat, unha empresa de pequeno tamaño pero con gran proxección na instalación de solución de frío industrial a nivel nacional; Ati Sistemas, líder galega no sector da regulación e o control, e Dosmasdos, compañía TIC cunha bagaxe importante no ámbito da sensórica aplicada a proxectos enerxéticos.

O proxecto Novec, de tres anos de duración, foi tamén un dos seleccionados na convocatoria Conecta Peme de 2018, contando neste caso para a súa posta en marcha cunha subvención da Axencia Galega de Innovación de 620.117 euros. Ao longo deste ano levouse a cabo a construción do prototipo, sensorización e sistemas de control e a previsión para 2020 é levar a cabo o ensaio e a validación da instalación final. “Neste caso falamos dun sistema que será útil en calquera industria que faga uso dos sistemas de refrixeración”, explica Patiño.

Comentar noticia

Your email address will not be published.